Preto de 200 espazos da Rede de bibliotecas públicas de Galicia benefícianse das axudas da Xunta para a adquisición de novidades editoriais

As contías van dos 392 aos 2.745 euros en función da poboación atendida polos respectivos servizos bibliotecarios

Enmárcase nas actuacións do Goberno autonómico para impulsar as bibliotecas públicas galegas a través de distintas iniciativas que suman máis de 2M€

Esta semana aprobouse a nova folla de ruta, o II Mapa de Bibliotecas de Galicia, que fai un diagnóstico e fixa retos para o futuro destes centros

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2022

A liña de axudas para a adquisición de novidades editoriais en formato físico impulsada pola Xunta con 200.000 euros beneficia este ano a 181 entidades locais titulares de bibliotecas ou axencias de lectura integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia,. O obxectivo da medida é facilitarlles a estes espazos a dispoñibilidade de novas publicacións en galego no momento da súa entrada no mercado.

 

As contías, establecidas en función da poboación que atenden os respectivos servizos bibliotecarios, van desde os 392,15 ata os 2745,09 euros, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia. Do total de espazos beneficiarios, 70 pertencen á provincia da Coruña, 33 á de Lugo, 28 á de Ourense e 50 á de Pontevedra.

 

A selección dos títulos adquiridos fana as propias bibliotecas a través da plataforma dixital creada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para que as editoriais incorporen as súas novidades en galego. Permanecerá aberta ata o 31 de setembro para acoller os títulos publicados desde o pasado 1 de outubro.

 

Nova folla de ruta

Esta convocatoria enmárcase nas liñas de axudas da Xunta para o sector bibliotecario que supera os 2M€ este ano. Xunto aos 200.000 euros para a adquisición de novidades editoriais en formato físico, o Goberno galego impulsa un programa de apoio ás coleccións, cun investimento de 350.000 euros que amplían este ano ata os 550.000 a través dos fondos europeos. Tamén se inclúen actuacións para a dotación de recursos electrónicos, para a dinamización da lectura, para a mellora de infraestruturas culturais dos concellos ou para a formación.

 

Para continuar avanzando no sistema bibliotecario galego, os xestores destes centros contan deste esta semana cunha nova folla de ruta, o II Mapa de Bibliotecas de Galicia, que fai unha diagnose e identifica retos de futuro. O primeiro mapa das bibliotecas de Galicia converteuse nunha ferramenta útil para mellorar o sistema bibliotecario e era precisa agora unha actualización, como marca a Lei de Bibliotecas. Foi elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a quen lle corresponde a dirección e coordinación da Rede de Bibliotecas de Galicia.

O documento constata a positiva evolución destes centros nos últimos anos, especialmente no que atinxe á diversidade de servizos para acudir ás bibliotecas (prazas de aparcadoiro, paradas de autobús...), as condicións de apertura ou recursos como wifi, postos de lectura ou as coleccións que ofrecen.

 

Tamén marca retos, especialmente á necesidade de priorizar aspectos como a atención ás persoas con discapacidade, a dixitalización ou reforzar a proximidade para chegar a aqueles territorios que non contan con estes centros, un aspecto no que a Xunta está a ultimar distintas medidas que permitan estender o alcance das bibliotecas.

Imaxes relacionadas