Os residentes das Gándaras inician o luns o ciclo de entrevistas ‘Pulsamos Lugo’ a persoas de distintos ámbitos da sociedade

Esta actividade de lecer organizada pola Delegación Territorial da Xunta busca estimular a participación das persoas maiores que viven no centro, que manterán encontros con representantes dos eidos xornalístico, deportivo, sanitario, político e social

Lugo, 28 de maio de 2022.-

A Delegación Territorial da Xunta está a organizar o ciclo de entrevistas ‘Pulsamos Lugo’ na residencia de maiores das Gándaras, coa que se pretende que os residentes deste centro se convertan por un día en xornalistas para tomar o pulso da cidade.

 

Con este motivo invitouse a diferentes persoeiros de distintos ámbitos da sociedade lucense, para por unha banda coñecer algo máis da súa vida persoal e profesional e pola outra, ofrecer unha nova actividade que axude aos residentes a manterse activos e estimule a súa participación nunha iniciativa compartida por todos. A presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, será a encargada de abrir este ciclo de entrevistas o vindeiro luns, día 30, ás seis da tarde.

 

Un grupo reducido duns doce residentes, que se irán alternando, será o encargado de facer a entrevista a cada un dos persoeiros que se achegue ata a residencia, encontros que se gravarán para despois emitilos no salón de actos e que todos as persoas que residen neste centro podan desfrutar de cada unha das entrevistas.

 

Aínda non está pechado o programa, pero durante os próximos tres meses pasarán por esta residencia preto de 15 persoas de varios sectores. Do ámbito institucional participará neste ciclo o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. O social será outro dos eidos moi presentes na actividade coa asistencia da presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, María Luz Abella; o presidente de Aspnais, José Reigosa; e o presidente de Cruz Vermella de Lugo, Luis Abelleira. O xornalista Paco Rivera; a atleta Adi Iglesias e a xefa do Servizo de Xeriatría do Hula, Rocío Malfeito, serán outros entrevistados por estes “novos” xornalistas.

 

Os encontros sucederanse cunha ou dúas entrevistas á semana, para rematar despois do verán coa clausura do ciclo.

Departamento:
A Presidencia da Xunta