O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantiveron un encontro co equipo directivo da cooperativa

A Xunta inicia coa cooperativa CLUN unha rolda de contactos co sector lácteo para facer balance das medidas implementadas ao abeiro da estratexia sectorial

Os representantes de Medio Rural constataron os avances na rendibilidade dos socios da cooperativa, grazas á suba do prezo do litro de leite e á aposta de CLUN polos produtos con valor engadido, en liña cos obxectivos da Estratexia do Goberno galego

José González reafirmouse na folla de ruta que busca incidir na produción, na industria, na cadea de valor, nos mercados e na formación e innovación para profesionalizar o sector lácteo galego, acompañada da Lei de recuperación ou do Plan de pastos

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, vén de iniciar coa cooperativa coruñesa CLUN unha rolda de contactos para facer balance das medidas implementadas ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, posta en marcha a finais de 2020. Nun encontro que serviu para coñecer ao novo director xeral da cooperativa, Juan Gallástegui, que acudiu co presidente, José Ángel Blanco, o conselleiro puido comprobar os avances na rendibilidade dos seus socios grazas á suba do prezo que se lles paga polo litro de leite e á aposta de CLUN polos produtos con valor engadido.

 

Nesa liña, José González destacou que a estatística reflicte que o pasado mes de marzo  o prezo do leite en Galicia se incrementou respecto ao mes de febreiro 1,3 céntimos por litro, para colocarse en 37,9 cts./l. Se comparamos a cifra con xaneiro, o incremento é de case dous céntimos por litro, o que redunda no beneficio dos gandeiros, que cada vez perciben máis -dixo- por un produto que segue destacando a nivel nacional e internacional pola súa calidade.

 

Nesa dirección, o conselleiro do Medio Rural reafirmou o compromiso da Xunta a prol da consolidación do sector leiteiro, freando a venda a perdas a través de medidas como a aplicación Conta Láctea implementada para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción, efectuar estudos comparativos co sector e, en definitiva, profesionalizar a xestión das súas explotacións co obxectivo de mellorar a súa posición negociadora fronte ás industriais.

 

A maiores, recordou o chamamento ao Goberno central para que -ao igual que fixo a Xunta co sector da carne- impulse un gran acordo a nivel estatal entre toda a cadea de valor do leite, coa finalidade de garantir que cada un dos elos percibe un prezo xusto polo produto de cara a asegurar a rendibilidade de todos eles, especialmente dos gandeiros, que son o axente -recalcou- máis vulnerable. 

 

Nese senso, lembrou que o Goberno galego está facendo os seus deberes implementando as medidas da Estratexia de dinamización do sector lácteo no marco dos eixes prioritarios relativos á produción, á industria, á cadea de valor, aos mercados e á formación e innovación. Tamén con normas como a Lei de recuperación da terra agraria e o Plan de Pastos, que permiten aumentar a base territorial das explotacións para incrementar a súa competitividade.

Imaxes relacionadas