A Xunta destaca o enoturismo como motor de desenvolvemento sustentable do turismo na comarca de Valdeorras

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acudiu esta tarde á apertura das XI xornadas de portas abertas do Viño de Valdeorras, que terán lugar durante esta fin de semana no marco da iniciativa que se desenvolve ata o mes de xuño

Ribeira Sacra e Monterrei completarán as fins de semana dedicadas a dar a coñecer a oferta enogastronómica destes territorios vitivinícolas

O Barco de Valdeorras , 27 de maio de 2022.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o apoio do Goberno galego ao sector vitícola no marco das XI Xornadas de portas abertas da ruta do viño de Valdeorras, que teñen lugar durante esta fin de semana.

 

Na súa intervención, Nava Castro destacou a calidade do viño galego e esta actividade como unha maneira de dinamizar a oferta turística galega, situando a Galicia no mapa da excelencia dunha oferta adaptada á nova realidade dos viaxeiros.

 

Nesta acción promovida pola Axencia de Turismo de Galicia, os visitantes poderán desfrutar dun programa de actividades no que poderán facer visitas a bodegas adheridas á xornada, participar nunha observación astronómica guiada por un astrónomo que achegará aos participantes ao “ceo profundo”, ou participar nunha actividade na que pintarán un cadro con pintura acrílica inspirado na obra da “Noite estrelada” de Van Gogh, entre outras moitas actividades.

 

Haberá servizo de transporte para visitar adegas o sábado 28 e do domingo 29 de maio durante todo o día. En todo momento os asistentes estarán acompañados por un guía turístico. Hai prazas limitadas, polo que recoméndase reserva previa. 

 

Ademais, co obxectivo de dar a coñecer a iniciativa, Turismo de Galicia sorteará a través do seu Facebook un total de 3 premios consistentes nunha noite de aloxamento e un xantar para dúas persoas nos establecementos asociados.

Pódese consultar toda a información relativa ás xornadas na web de Turismo de Galicia e afondar nos recursos enoturísticos na app Enoturismo de Galicia, que conta con información precisa de cada recurso en galego, castelán e inglés.

Actuacións de cohesión en destino

Nava Castro lembrou que a Xunta presentou recentemente 3 actuacións de cohesión en destino no eido enogastronómico por un valor total de 15,8M euros o que reflicte perfectamente a aposta do Goberno galego por este sector, que son por unha banda, unha viaxe sostible entre viñas: descobre as 5 roteiros do viño en coche eléctrico, a adecuación de instalacións e recursos para fomentar e enriquecer as experiencias inmersivas en establecimentos de produción enogastronómica e Galicia Gastro Experiencie, un hub de referencia para a mellora dá enogastronomía galega como experiencia turística.  

 

Ademais no marco da mobilidade, dende a Xunta vaise a impulsar a mobilidade gastronómica mellorando a mobilidade nos roteiros do viño nas provincias da Coruña e Lugo. E potenciarase a Galicia como destino Náutico fluvial enogastronómico coa potenciación das experiencias gastronómicas en embarcacións eléctricas nas zonas do Miño e do Sil, tan importantes no desenvolvemento turístico de Galicia.