A Xunta renova o seu compromiso co museo da Casa da Troia que vén de abrir ao público para a temporada de verán

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe o Museo da Casa da Troia co que a Xunta mantén un ano máis a súa colaboración para contribuír aos gastos da xestión das visitas na súa apertura ao público durante este ano. O representante da Consellería de Cultura agradeceu ao presidente da Asociación Cultural Musical de Antigos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo da Casa da Troia, Benigno Amor, o seu traballo á fronte deste centro museístico que permite coñecer unha parte da historia da cidade.

O Goberno autonómico leva colaborando de xeito ininterrompido desde 2015 con este museo. No 2020 ampliou o seu apoio, no marco do seu compromiso por impulsar a actividade museística que se desenvolve en Galicia. O Museo Casa da Troia abriu para a temporada de verán o pasado 18 de maio e estará aberto ao público ata setembro facilitando así que os visitantes poidan coñecer a recreación da pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago de finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.

Imaxes relacionadas