O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participaron en Lugo na clausura da asemblea xeral de Lugo Madera

A Xunta aposta por superar os 10,9 millóns de metros cúbicos de corta de madeira como obxectivo de futuro para o sector forestal galego

José González sinalou que o Goberno galego continuará avanzando no marco legal deste eido produtivo, mediante iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria, o desenvolvemento do Plan Forestal ou a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais

O conselleiro indicou tamén que se segue a traballar na diversificación do monte galego, a través dos plans estratéxicos do castiñeiro e do piñeiro e puxo en valor a estratexia da Xunta a prol da dixitalización e a descarbonización

Lugo, 27 de marzo de 2022.-

A Xunta márcase como obxectivo de futuro para o sector forestal galego superar os 10,9 millóns de metros cúbicos de corta de madeira industrial na nosa comunidade. Isto, mediante un crecemento superior ao 7% nas transferencias aos propietarios de montes, incrementando a facturación da cadea monte-industria nun 8%, ata acadar os 2.700 millóns de euros anuais, e chegando aos 25.000 postos de traballo. Así o trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa intervención na clausura da asemblea xeral de Lugo Madera.

 

Neste acto, o titular de Medio Rural sinalou ademais que o Goberno galego continuará avanzando no marco legal deste eido produtivo, mediante iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria -que contempla tanto os usos agrícola e gandeiro como forestal-, dando pulo ás agrupacións forestais de xestión conxunta e continuando coa aposta polos polígonos forestais. Neste contexto, González indicou tamén que se segue a traballar na diversificación do monte galego, a través dos plans estratéxicos do castiñeiro e do piñeiro, que -destacou- “consolidan esta diversificación cunha aposta pública importantísima”.

 
Plan Forestal de Galicia

Ademais, o conselleiro explicou que se continúa co desenvolvemento do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, unha ferramenta necesaria para comezar a afondar no papel da silvicultura e a xestión forestal como mecanismo fundamental para acadar un territorio resiliente. Un monte -afirmou- “ordenado e con biomasa controlada que, ademais de ser fonte de riqueza, non arda ou teña menos posibilidades de arder”. Deste xeito, engadiu, lóitase contra o abandono e os lumes forestais. Na mesma liña, José González puxo en valor a estratexia da Xunta a prol da dixitalización e descarbonización, co obxectivo de acelerar os procesos produtivos do sector, incidir na simplificación administrativa, afondar no consumo e acumulación de información actualizada e fiable e acadar políticas quilómetro cero ou de proximidade.

 

O conselleiro vinculou estes avances co Inventario Forestal de Galicia, que supón un exercicio significativo por parte da Xunta para coñecer e informatizar o territorio forestal galego, como recurso fundamental para a toma de decisións. Outra iniciativa normativa apuntada por González foi o anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais, na que a clave da defensa será precisamente a xestión do territorio, remarcou, e incidiu en que o sector forestal “é unha das principais fontes de creación de riqueza e emprego no rural galego”.

 
Xestión forestal activa e sustentable

Na clausura deste evento interveu tamén o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, quen avogou porque o sector forestal afonde no seu carácter  “responsable, transparente e maduro”, no sentido de apostar por unha xestión forestal activa, pero sustentable, baseada nun monte multifuncional e con futuro. Algo que, resaltou, constitúe unha esixencia social irrenunciable.

 

Ademais, o director xeral enmarcou esta idea na descarbonización e no pacto verde europeo, a bioeconomía e a economía circular, como guías desa xestión forestal. José Luis Chan puxo en valor, ademais, o labor desenvolvido ao abeiro do Plan Forestal de Galicia “cara a neutralidade carbónica”, con iniciativas como a tramitación telemática das cortas, a simplificación administrativa destes procesos, o Observatorio forestal, o Inventario continuo ou a detección satelital das cortas, entre outras.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural