Galicia ofrece a súa colaboración aos centros tecnolóxicos para manter o actual nivel de transferencia de coñecemento ao mercado para captar máis fondos estatais e europeos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Vigo na Asemblea da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia

Destaca o papel dos centros tecnolóxicos á hora de impulsar os sectores estratéxicos galegos como o naval, o aeronáutico, o enerxético ou o metalúrxico e lembra o compromiso da Xunta con estes organismos aos que destinou 175M€ desde 2009
 

Vigo, 27 de maio de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo na Asemblea da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), onde ofreceu a colaboración da Xunta de Galicia aos centros tecnolóxicos para manter o actual nivel de transferencia de coñecemento ao mercado para captar máis fondos estatais e europeos.

 

Tal e como asegurou na súa intervención, os centros tecnolóxicos serán a peza clave de toda a engranaxe do sistema galego de I+D+i polo que avogou por seguir incentivando a colaboración e a xeración de sinerxías entre estes centros e o tecido empresarial.

 

Conde puxo en valor o papel dos centros tecnolóxicos nos sectores estratéxicos de Galicia como o naval, o aeronáutico, o enerxético ou o metalúrxico e apostou por seguir traballando desde a colaboración co obxectivo de que cada vez máis pemes galegas fagan da innovación o seu elemento diferenciador para impulsar a competitividade.

 

Para conseguir estes obxectivos, a Xunta de Galicia destinou máis de 175M€ entre 2009 e 2021 aos centros tecnolóxicos galegos, un apoio que se manterá no futuro.
O vicepresidente económico tamén se referiu á oportunidade que supoñen os fondos europeos e destacou o traballo dos centros tecnolóxicos dentro do Programa Marco de I+D+i da UE Horizonte 2020. Neste sentido incrementouse a participación neste programa desde o 13 ao 26,5% e o retorno que xeraron, 191M€, representa un 120% máis que no anterior programa marco. Ademais, rexistrouse un aumento do emprego e da retención do talento nestes centros ata alcanzar os 1442 investigadores e tecnólogos, case un 10% máis que antes da pandemia.

Imaxes relacionadas