A Xunta destina 68.000 euros á contratación de 22 desempregados como socorristas para vixiar as praias de sete concellos da área de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo un encontro cos alcaldes do Val Miñor para informarlles das achegas do Goberno galego na contratación do persoal do servizo de socorrismo

Nigrán, 27 de maio de 2022.- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este venres das axudas do Goberno galego destinadas á contratación de desempregados como socorristas para a realización de tarefas de vixilancia das praias de sete concellos da área de Vigo. Segundo informou durante a súa comparecencia ante a prensa, as achegas totais superan os 68.102 euros e servirán para sufragar os custes dun total de 22 persoas.

A representante autonómica mantivo este venres unha xuntanza cos alcaldes da Mancomunidade do Val Miñor en Panxón (Nigrán), onde informoulles da nova convocatoria de axudas destinadas a contratar desempregados para o servizo de socorrismo das praias durante a temporada estival.

Fernández-Tapias explicou que dos 68.102 euros adicados á contratación, 21.770 euros destinaranse á tarefa de 7 socorristas e 1 coordinador nas praias de Nigrán e Baiona. Serán os concellos, a través da Mancomunidade do Val Miñor, os encargados de contratar ao persoal a través do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Ademais, o Concello de Moaña contará con 18.660 euros para contratar a outros 6 traballadores, Salvaterra de Miño terá 7.066 euros para 2 socorristas, e no caso de Mos serán 6.400 euros para dous socorristas máis. Por último, Salceda de Caselas disporá de de 6.400 para dúas persoas e Pazos de Borbén, de 4.092 euros e 2 socorristas máis. 

A delegada sinalou que o Goberno galego coopera coas entidades locais para cubrir estes postos no verán, durante un período de dous meses. Precisou que son os propios concellos os que teñen a competencia para contratar persoal de vixilancia e salvamento que garanta a seguridade nas praias marítimas e fluviais.

Imaxes relacionadas