A Xunta comprométese a dar prioridade aos proxectos eólicos que subministren enerxía a Alcoa sempre que cumpran coa normativa

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes do comité de empresa da planta de San Cibrao na que se avaliou a situación da planta e as perspectivas de cara a futuro

Lembra que a través da Lei de áreas empresariais se dará prioridade aos parques eólicos que destinen o 50% da enerxía que produzan á industria asentada en Galicia, para reducir así a súa pegada de carbono

Demanda ao Goberno que convoque canto antes o Perte para a industria electrointensiva, e fai fincapé en que segue a ser necesario un marco enerxético axeitado

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá en Santiago de Compostela un encontro con representantes do comité de empresa de Alcoa San Cibrao no que se avaliou a situación actual da planta e as perspectivas de cara ao futuro.

 

Un dos asuntos tratados foi o recente acordo alcanzado entre Alcoa e Greenalia, grazas ao cal San Cibrao está máis preto de acadar a subministración de enerxía renovable necesaria para reanudar a produción de aluminio primario en 2024. Así, este acordo vai permitir cubrir con enerxía renovable ata un 46% das necesidades de electricidade da planta.

 

Tal e como explicou Conde no encontro, a Lei de áreas empresariais de Galicia especificará que, sempre que cumpran coa normativa e con todas as garantías ambientais, se dará prioridade a aqueles proxectos eólicos que destinen o 50% da enerxía que produzan á industria asentada en Galicia para reducir así a súa pegada de carbono. Así, tal e como explicou o vicepresidente primeiro, os parques que se vinculan ás PPAs (Power Purchase Agreement, acordos de compra de enerxía) de Alcoa poderán beneficiarse desta nova normativa que vai favorecer á industria no seu conxunto.

 

O responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que de cara a futuro hai que seguir afondando no traballo,  e así, Alcoa segue negociando con outras compañías para identificar novos contratos bilaterais. Neste sentido, Francisco Conde trasladoulle tanto ao comité como á propia empresa a colaboración da Xunta para identificar eses parques, avaliar a súa viabilidade e ao mesmo tempo garantir a súa tramitación administrativa para que poidan entrar en funcionamento canto antes, cubrindo as expectativas de prezo eléctrico competitivo que ten Alcoa.

 

O vicepresidente económico sinalou que é precisa a colaboración do Goberno central, tanto a través do Ministerio de Industria como do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a quen corresponde tramitar o 55% de toda a potencia que se inclúe no contrato de Alcoa e Greenalia, por tratarse de parques de máis de 50MW.

 

Conde subliñou que, aínda que os contratos bilaterais achegarán un custo da electricidade máis competitivo para a factoría da Mariña, segue a ser preciso un marco enerxético adaptado ás necesidades da industria electrointensiva. Do mesmo xeito, apuntou que na mesa de Alcoa se trasladará ao Goberno a necesidade de convocar canto antes o Perte para a industria electrointensiva, que permitiría mellorar a competitividade desde o punto de vista industrial da planta utilizando fondos europeos Next Generation.

 

Tamén no eido dos investimentos, na xuntanza lembrouse tamén que a Xunta vén de aprobar unha axuda de case un millón de euros para a mellora da eficiencia enerxética da planta de San Cibrao, que lle vai permitir reducir un 3% o consumo inicial de electricidade ao substituír o fuelóleo por gas natural.

Imaxes relacionadas