A Xunta colabora na mellora do local social da Asociación de Veciños Rebordechá de Xinzo de Limia

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

As asociacións de veciños e comunidades de usuarios da provincia de Ourense recibiron 41 axudas no 2021 a través do Plan específico de acción comunitaria, cun importe de case 620.000 euros

Natalia Prieto lembrou que a Xunta incrementou o orzamento da orde nun 20%, ata acadar os 3M€

Xinzo de Limia (Ourense), 27 de maio de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no Concello de Limia ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños. En concreto, o Goberno galego destinou o ano pasado máis de 13.000 euros á mellora do local da Asociación de Veciños Rebordechá para adecualo ás necesidades da veciñanza.

A entidade veciñal, que centra a súa acción na mellora do medio rural, na recuperación do patrimonio comunitario e na organización de actividades culturais e educativas para o fomento da convivencia entre a veciñanza, solicitou ao Goberno galego unha axuda para o acondicionamento do local coa instalación dun sistema de calefacción, actuacións de pintado e adquisición de equipamento básico, solicitude que foi atendida conforme aos orzamentos do Plan específico de acción comunitaria do ano 2021.

A directora xeral de Administración Local puido comprobar de primeira man as melloras realizadas no centro social coa achega do Goberno galego. No encontro, Natalia Prieto recordou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. A mellora encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

No ano 2021, as asociacións de veciños e comunidades de usuarios da provincia de Ourense recibiron 41 axudas a través desta orde cun importe que ascendeu aos 619.113 euros.

A orde de subvencións para este ano inclúese no plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

 

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

Imaxes relacionadas