Galicia continúa sen casos confirmados da varíola do mono ao resultar negativas as tres primeiras mostras enviadas aos laboratorios

Nas últimas horas, a Dirección Xeral de Saúde Pública remitiu as mostras de dous novos posibles casos ao Instituto de Saúde Carlos III, ascendendo ata 5, o número total de persoas que presentaron un cadro compatible con esta infección

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022.- Galicia continúa sen ter casos confirmados da denominada varíola do mono, ao obter senllos resultados negativos as probas dos tres primeiros posibles casos detectados na comunidade.

 

Nas últimas horas, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, dous novos posibles casos de infección, ascendendo ata 5, o número total de persoas que presentaron un cadro compatible coa varíola do mono.

 

Nestes intres, Sanidade fica á espera de que o Instituto de Saúde Carlos III avalíe nos seus laboratorios estas dúas últimas mostras remitidas desde Galicia. Cómpre salientar que estes dous novos posibles casos atópanse estables e non requiriron de ingreso.

 

Desde que recibiu a alerta internacional sobre a varíola do mono, o pasado martes 17 de maio, o departamento sanitario da Xunta mantense vixiante para poder identificar e confirmar/desbotar, os posibles casos desta enfermidade.

Imaxes relacionadas