A Xunta salienta a importancia de promover contornos de colaboración que faciliten ás pemes galegas a aposta pola innovación e a dixitalización

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na xornada de ‘Activa Startups; conectando pemes galegas con startups’, onde defendeu a necesidade destes proxectos colaborativos para impulsar o crecemento das empresas e a creación de emprego

Puxo en valor o programa, desenvolvido en colaboración co Goberno e a Escola de Organización Industrial (EOI) e que se centra na innovación dirixida a pemes galegas

Resalta que a cooperación coa EOI permitiu tamén a posta en marcha da rede de espazos coworking, que impulsaron ata o de agora preto de 400 novas empresas en contornas principalmente rurais
 

Santiago, 27 de maio de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na xornada Activa Startups; conectando pemes galegas con startups, onde salientou a importancia de promover entornos de colaboración que faciliten ás pemes galegas o acceso á innovación e á dixitalización. “Debemos apostar por este marco de colaboración para a difusión e o desenvolvemento de actuacións de impulso do tecido empresarial, a través da dixitalización e o crecemento das empresas”, afondou Guldrís.  

 

Neste sentido, o director do Igape lembrou o desenvolvemento, de modo coordinado co Goberno central e coa EOI, da Estratexia Industria Conectada 4.0, que se plasma en iniciativas como o Programa Activa. Un programa no que se inclúen, entre outros, o Activa Startups, explicou Guldrís, sinalando que esta liña se centra na innovación dirixida a pemes galegas na procura de fomentar a colaboración entre o tecido empresarial e as startups.

 

Esta aposta innovadora e pola colaboración, proseguiu o director do Igape, compleméntase con outros proxectos como os espazos coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais.

 

Guldrís lembrou que, máis alá do propio espazo, os coworking -impulsados en cooperación coa EOI- ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

 

“O noso traballo é estar ao carón das nosas empresas; debemos ser catalizadores e promotores da transformación dixital e o desenvolvemento da industria no noso territorio”, afondou o director do Igape, que concluíu reiterando que programas como o Activa Startups fomentan a colaboración coa finalidade de impulsar a innovación e o crecemento das empresas.