O titular do Goberno galego participou, esta mañá, no acto con motivo do primeiro aniversario da posta en funcionamento deste servizo en toda Galicia

Rueda salienta que a Tarxeta Xente Nova permitiu xa viaxar gratis en autobuses interurbanos a 112.000 mozos menores de 21 anos e avanza unha plataforma móbil para facilitar o seu uso

Desde a súa posta en marcha as familias dos mozos beneficiarios levan aforrado máis de 14 millóns de euros

Asegura que a Xunta seguirá comprometida cunha mobilidade sostible, reflectida na renovación das 3.400 liñas de autobús e nos máis de 200 km de sendas peonís

Pide ao Goberno central que cumpra o compromiso de poñer en servizo este verán os trens Avril, para levar a alta velocidade a Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Tarxeta Xente Nova permitiu xa viaxar gratis en autobuses interurbanos a 112.000 mozos menores de 21 anos e avanzou que, de cara ao vindeiro curso académico, porase en marcha a plataforma móbil para facilitar o seu uso, sen necesidade de activar a tarxeta moedeiro nin de adiantar os cartos.

 

Durante o acto con motivo do primeiro aniversario do seu funcionamento, no que tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, Rueda incidiu no éxito desta iniciativa que tamén opera en Vigo no transporte da Ría e no tren de vía estreita da comarca de Ferrol. Non en van, as familias dos mozos beneficiarios levan aforrado desde a súa posta en marcha máis de 14 millóns de euros; “e, só neste ano, destinaremos 7 millóns a este servizo”, aseverou, explicando, a modo de exemplo, que un rapaz de Noia que viaxe todos os días en bus á Universidade de Santiago durante o curso, aforrará arredor de 1.200 euros.

 

Cómpre salientar que esta tarxeta é resultado da aposta continuada polo acceso dos mozos ao transporte público da Comunidade. Así, en 2016 os menores de 19 anos comezaron a beneficiarse da gratuidade nas áreas de transporte metropolitano; en 2020, ampliouse a cobertura da gratuidade aos menores de 21 anos; “e hai un ano estendemos a gratuidade a toda Galicia, converténdonos na única Comunidade que ofrece esta posibilidade”, resaltou o titular do Goberno galego.

 

Rueda asegurou que a Xunta seguirá comprometida cunha mobilidade sostible, avanzando cara a un futuro con menos emisións, cun maior uso do transporte público e cunhas cidades e vilas con menos tráfico, ruído e atascos. Unha aposta reflectida na renovación das 3.400 liñas de autobús, multiplicando rutas, paradas e horarios, e incorporando servizos a demanda e buses escolares compartidos -cun orzamento anual de 80 millóns de euros-; e nos máis de 200 quilómetros de sendas peonís, nas que se levan investidos 50 millóns.

 

O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para pedir novamente ao Goberno central que cumpra o compromiso de poñer en servizo este verán os trens Avril, para levar a alta velocidade a Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo. “Agardamos que se cumpra este compromiso e o AVE, que xa é unha realidade a Ourense, tamén poida selo no resto das cidades galegas”, abundou.

Imaxes relacionadas