Organizada pola Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, a acción está prevista o vindeiro xoves 2 de xuño na aula informática do edificio administrativo da Xunta

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, a acción está prevista o vindeiro xoves 2 de xuño na aula informática do edificio administrativo da Xunta

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén en Lugo un taller práctico sobre o manexo do CORWEB. Impartida polo distrito forestal IX Lugo-Sarria, a acción formativa está prevista na aula de informática do edificio administrativo da Xunta o vindeiro xoves 2 de xuño de 16,00 a 20,00 horas.

O obxectivo do taller é acadar un coñecemento básico da solicitude telemática dos expedientes de aproveitamento madeireiro a través da aplicación informática CORWEB. Neste senso, o curso abordará os aspectos normativos dos aproveitamentos da madeira e as características básicas na tramitación electrónica en xeral e no CORWEB en particular. O taller finalizará con prácticas na tramitación de autorizacións e de declaracións responsables.    

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 620.