A Xunta anima ao tecido empresarial e ao Goberno a colaborar para que os fondos europeos sexan unha oportunidade para a transformación de Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde en Nigrán no Foro AJE-Galicia

Defendeu a importancia de apoiarse na formación para dar valor engadido aos proxectos, adaptarse aos cambios e acompasar a transformación empresarial coa capacitación do capital humano
 

Nigrán (Pontevedra), 26 de maio de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde no Porto do Molle, en Nigrán, no Foro AJE-Galicia centrado na formación e o networking, onde animou ao tecido empresarial e ao Goberno central a colaborar para que os fondos europeos sexan unha verdadeira oportunidade para a transformación de Galicia.

 

Na súa intervención, Conde destacou que a formación será unha das claves para acceder ás oportunidades dos fondos europeos e, deste xeito, abrir paso á economía verde e do coñecemento. Explicou que empresas e emprendedores deben botar man da formación para achegar valor engadido ao seu negocio, adaptarse aos cambios e acompasar a transformación dixital e sostible coa capacitación do seu capital humano.

 

O vicepresidente económico incidiu nas oportunidades que os fondos europeos abren ao tecido empresarial galego e lamentou a xestión do Goberno central pola falta de información, a rixidez dos requisitos, o escaso efecto incentivador das axudas e a imposibilidade de encaixar os proxectos que detectan as empresas. Por este motivo volveu reclamar que se lle permita ás comunidades autónomas participar na definición dos proxectos estratéxicos para que os territorios non queden fóra do reparto e máis marxe de manobra cun marco regulamentario flexible e áxil para as empresas.

 

Conde avogou por desenvolver un traballo conxunto que xere oportunidades para impulsar a recuperación desde a colaboración público-privada e comprometeuse a seguir practicando unha escoita activa das inquedanzas do tecido empresarial.

Imaxes relacionadas