As Xornadas de Industrias Musicais da Fundación Paideia e a Xunta rematan en Vigo a súa sexta edición cunha sesión sobre os directos

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, abriu esta última cita do ciclo, celebrada en La Fábrica de Chocolate Club coas intervencións de Violeta Hernández, de LaSuite, e Josiño Carballo, de Ernie Producciones

O músico Carlangas foi o encargado de moderar os relatorios, tras os que tivo lugar un showcase de Crnds e Fransy coa súa mestura de electrónica e música tradicional
 

Vigo, 26 de maio de 2022.-

A sala viguesa La Fábrica de Chocolate Club foi esta tarde o escenario da terceira e última sesión das VI Xornadas de Industrias Musicais da Fundación Paideia Galiza, en colaboración coa Xunta, que esta primavera desenvolveron outras dúas citas en Pontevedra e Ourense baixo o título de A volta IN-perfecta. O retorno da música na nova era. No caso de Vigo, abordáronse as claves á hora de levar ao directo un proxecto musical, así como para conseguir destacar en concerto grazas a unha coidada posta en escena, entre outros aspectos.

 

Como nas xornadas anteriores, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, foi o encargado de abrir a sesión cunha intervención na que destacou o compromiso compartido coa Fundación Paideia a prol da profesionalización do sector da música, no marco do que tamén se organiza o certame anual Sonidos Mans, que acaba de resolver a súa convocatoria de 2022.

 

Novas axudas como oportunidade de avance

Respecto da situación actual da industria musical galega, o representante da Consellería de Cultura cualificou este momento como “punto de inflexión” tras unha primeira fase de urxencia para paliar os efectos inmediatos da pandemia neste ámbito. “Agora, as novas liñas de axuda da Xunta, canalizadas a través dos fondos europeos, supoñen unha oportunidade de avance definitivo”, sinalou en referencia ás novas convocatorias de subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento musical ou a proxectos do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta cultural nas zonas rurais, así como á próxima posta en marcha da renovada Rede Galega de Música ao Vivo.

 

O músico Carlos Pereiro Carlangas, de Novedades Carminha, foi o encargado de conducir esta terceira xornada, para a que se contou cos relatorios de Violeta Hernández, da empresa de xestión cultural La Suite e promotora, entre outras iniciativas, do ciclo Nocturama de Sevilla, e Josiño Carballo, fundador da axencia de management Ernie Producciones e da discográfica homónima.

 

A música desta terceira sesión correu a cago de Crnds, compositor, produtor e fundador do selo independente Lindisfarne, co que está a promover novas vías de encontro entre a electrónica experimental e a música de raíz galega. Así, neste showcase actuou xunto a Fransy Gonza´lez, unha das voces máis representativas da nosa música tradicional actual.