A Feira do Libro chega a Porriño co apoio da Xunta e a participación de media ducia de librarías e unha trintena de autores

É a primeira parada que este ano fai o circuíto na provincia de Pontevedra e enmárcase no compromiso da Xunta co sector do libro e o fomento da lectura

O Porriño (Pontevedra), 25 de maio de 2002

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro do Porriño, unha das 13 do circuíto de feiras do libro que celebra a Federación de Libreiros de Galicia co patrocinio da Xunta. Como expresou durante o acto, trátase da primeira parada que este ano fai o circuíto na provincia de Pontevedra e enmárcase no compromiso da Xunta coa dinamización da lectura e o apoio ao sector editorial.

 

“As feiras do libro permítennos visibilizar o traballo dos libreiros, dos autores e dos editores e facelo, ademais, de xeito repartido por toda a Comunidade galega, abrindo posibilidades para que os galegos poidan entrar en contacto cos escritores e facerse coas últimas novidades editoriais”, expresou o representante da Consellería de Cultura.

 

Indicou, ademais, que é unha das iniciativas estratéxicas levadas a cabo polo Goberno autonómico para fomentar a lectura e apoiar aos profesionais deste eido, que se suma ás liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, a tradución de obras, a adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que supera os 2M€. Ademais, estase a retomar a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais como a de Bos Aires, onde Galicia estivo recentemente representada ou como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

 
Por distintos puntos de Galicia

A Feira do Libro do Porriño sitúase na rúa Ramón González ata o 29 de maio. Intégrana media ducia de librarías e editoriais. Participarán 27 autores que prevén preto de 20 sinaturas nas casetas. Haberá presentacións, debates literarios e encontros, así como actividades infantís e musicais.

 

A Feira chega a O Porriño tras o seu paso por Ferrol, Santiago e Lugo. Posteriormente engadiranse paradas en Vilalba (do 3 ao 5 de xuño), Ourense (do 8 ao 11 de xuño), Vigo (do 1 ao 7 de xullo), Ponteareas (do 14 ao 17 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto das feiras chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15) e Monforte de Lemos (do 24 ao 27).