A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisou as obras nesta terminal, que están pendentes de remates

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 50.000€ na humanización do acceso á estación de autobuses de Carballo para lograr un espazo máis aberto á vila e máis acolledor para veciños e usuarios

Vázquez Mourelle detalla a ampliación do espazo da cafetería, para abrila ao exterior, e un novo acceso peonil polo lado este, desde a rúa principal

As obras inclúen a colocación dunha malla de peche no espazo colindante, entre as dársenas e o parque, a reparación do pavimento e a instalación de vinilos nas taquillas

A intervención permitirá ofrecer mellores servizos aos usuarios da estación, pola que pasan máis de 260.000 viaxeiros ao ano

Esta actuación súmase ás realizadas na terminal nos últimos anos, cun investimento de 115.000 euros, centrándose as últimas en reparar a cuberta ou os falsos teitos

A conselleira salienta a aposta da Xunta polo transporte público, con iniciativas como a tarxeta Xente Nova, coa que 2.780 menores de 21 anos de Bergantiños viaxan de balde no autobús interurbano, 1.544 deles, mozos do concello de Carballo

Concreta que este dispositivo permite aforros de ata 1.260 euros ao ano no caso dun rapaz de Carballo que vai estudar todos os días á Coruña durante os 9 meses do curso

Carballo (A Coruña), 26 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca o investimento da Xunta de 50.000 euros na humanización do acceso á estación de autobuses de Carballo para lograr un espazo máis aberto á vila e máis acolledor para veciños e usuarios.

 

Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisou hoxe as obras que a Xunta está a realizar nesta estación de autobuses, pendentes aínda de remates.

 

O Goberno galego comezou en febreiro os traballos que permitiron ampliar o espazo da cafetería, habilitando un espazo cuberto ao aire libre e abríndoa ao exterior; ademais dun acceso peonil polo lado este da estación, desde a rúa principal, para facilitar que veciños e usuarios se acheguen ata este equipamento.

 

Para acadar estes obxectivos, colocouse unha nova malla de peche no espazo colindante, entre as dársenas e o parque público, reparouse o pavimento que estaba danado, instaláronse vinilos nas taquillas e revisouse a iluminación.

 

Restan por facer remates, así como solucionar certas deficiencias detectadas, como a busca dunha fácil apertura para a lona antivandálica da terraza da cafetería, para o que xa se deu instruccións á empresa adxudicataria dos traballos. Tamén resta a colocación dun novo cartel identificativo na estación, que será colocado en cuestións de poucas semanas.

 

A conselleira indicou que se trata de actuacións que desde o punto de vista técnico e do investimento poden parecer sinxelas e menores, pero pretenden ser transformadoras e contribuír á revitalización deste equipamento.

 

Subliñou o fin primordial de ofrecer mellores servizos aos usuarios da estación, pola que pasan máis de 40.000 expedicións ao ano e 260.000 viaxeiros, que teñen como principais destinos A Coruña, Santiago, Fisterra ou Laxe.

 

Lembrou que estas actuacións se suman ás realizadas na estación nos últimos anos por importe de 115.000 euros, centrándose as últimas en reparar a cuberta e a estrutura das dársenas, solucionar problemas nos falsos teitos e tabiques pola entrada de auga.

 

Aposta polo transporte público

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor a aposta da Xunta polo transporte público, que se traduciu na modernización de todas as liñas interurbanas, tamén na comarca de Bergantiños, para ofrecer máis servizos e mellor adaptados ás necesidades de mobilidade da cidadanía.

 

Referiuse, en especial, a unha iniciativa social pioneira da Xunta: á tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar de balde por toda Galicia nalgunha das máis de 3.400 liñas de transporte interurbano da Xunta.

 

Detallou que este dispositivo permite aforros de ata 1.260 euros ao ano no caso dun rapaz de Carballo que se despraza todos os días a estudar á Coruña durante os 9 meses do curso; ou de 1.200 euros se o desprazamento é cara a Santiago.

 

Concretou que 1.544 mozos de Carballo teñen a tarxeta Xente Nova, sendo 2.780 os que dispoñen dela en Bergantiños. Así, no 1º trimestre de ano, realizáronse nesta comarca case 26.300 viaxes con este dispositivo, case un 160% máis que no mesmo período de 2021.

Imaxes relacionadas