A Xunta pon en valor os máis de 100.000 euros investidos no novo centro de día de Moaña para persoas maiores ao abeiro do programa Leader

A subvención -que cubriu o 70% do custo do centro- foi seleccionada a través do grupo de desenvolvemento rural Pontevedra-Morrazo, en beneficio da Asociación de familiares de persoas con alzhéimer e outras demencias do Morrazo (AFAMO)

Estas instalacións da parroquia de Tirán enmárcanse nos proxectos non produtivos da convocatoria Leader do ano pasado que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por representar un interese público, social ou colectivo
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2022.-

A Xunta pon en valor os máis de 100.000 euros investidos no novo dentro de día de Moaña dirixido a persoas maiores con necesidade de coidados, no marco da convocatoria do ano pasado do programa Leader, que xestiona a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A subvención -que permitiu sufragar o 70% do custo destas instalacións que se veñen de inaugurar na parroquia de Tirán- foi seleccionada polo grupo de desenvolvemento rural (GDR) Pontevedra-Morrazo, en beneficio da Asociación de familiares de persoas con alzhéimer e outras demencias do Morrazo (AFAMO).

En concreto, o centro de día ofrece servizos de atención a persoas maiores con necesidade de coidados. En especial, proporciónaselles manutención, coidado persoal, aseo e hixiene, así como control e mantemento da saúde e axuda nas actividades básicas da vida diaria. Tamén se presta asistencia psicolóxica e terapéutica e asesoramento ás familias, ademais de servizos complementarios como o catering ou o transporte, entre outros.

A Asociación de familiares de persoas con alzhéimer e outras demencias do Morrazo é unha entidade sen ánimo de lucro nacida no ano 2000 que busca o benestar das persoas con alzhéimer ou outras demencias e das súas familias, así como do colectivo de persoas maiores. O seu ámbito de actuación é comarcal, abranguendo os municipios de Moaña, Cangas, Bueu e Vilaboa.

Proxectos non produtivos

Este novo centro de día de Moaña enmárcase dentro dos proxectos non produtivos do programa Leader, por representar un interese público, social ou colectivo. Cabe destacar que dos 280 proxectos aprobados na convocatoria do ano pasado -que mobilizaron un orzamento de preto de 31 millóns de euros cunha axuda pública de 13,6 millóns-, un total de 139 foron iniciativas non produtivas que, neste caso, supuxeron a mobilización dun importe de 5,7 millóns de euros grazas a unha achega pública de 3,7 millóns de euros.

 

Dentro destes proxectos non produtivos, 92 foron solicitados por concellos -na súa calidade de institucións públicas-, os cales mobilizaron 4,2 millóns cunha axuda pública de 2,6 millóns. Outros 41 proxectos deses 139 foron solicitados por institucións privadas sen ánimo de lucro, que mobilizaron un montante de 1,5 millóns de euros e contaron cunha subvención pública de 1,1 millóns.