A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta relacionada co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Galicia demanda que o novo Fondo Europeo Marítimo-Pesqueiro poida ser aplicado de forma máis áxil e se adapte á realidade do sector

A Xunta expón as dificultades existentes na tramitación e na execución dos fondos pola superposición das normativas europea, estatal e autonómica non só relativas ao propio FEMP senón tamén á concesión de axudas e á súa tramitación

Rosa Quintana subliña o labor do Executivo galego desde a aprobación do actual fondo para tratar de axilizar e simplificar os procedementos, trasladando demandas e suxestións ás institucións europeas para mellorar a súa xestión

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana,  expuxo hoxe no Parlamento de Galicia a necesidade de que o novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) poida ser aplicado de forma máis sinxela que o actual para axilizar e intensificar o apoio ao sector marítimo-pesqueiro e á cadea mar-industria así como adecuar a súa normativa para que estea adaptada á realidade do sector. Así o sinalou en resposta a unha pregunta na Cámara en relación coas actuacións levadas a cabo por Galicia para superar as dificultades que se está a encontrar na execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Neste sentido, a titular de Mar subliñou que o Goberno autonómico leva anos traballando para simplificar e adecuar a súa xestión, polo que lle ten trasladado en varias ocasións demandas e suxestións á Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea que en moitos casos xa foron atendidas.

Rosa Quintana expuxo que a execución do actual fondo se atopa con numerosos problemas para axilizar os trámites froito da superposición das normativas europea, estatal e autonómica, non só relativa ao FEMP, senón tamén á concesión de subvencións e axudas e á tramitación administrativa. Esta situación, incidiu, obriga ao cumprimento dunha normativa complexa, confusa e mesmo incoherente.

A titular da Consellería do Mar salientou que isto complica a xestión inicial e a resolución das solicitudes, ao mesmo tempo que dificulta a execución material por parte do beneficiario e provoca problemas para a comprobación e pago por parte do órgano xestor en tan curto espazo de tempo. A este respecto, o Goberno galego entende que se debería impoñer ao Estado membro a inclusión dunha disposición dentro do Programa Operativo que analice a normativa e identifique as superposicións ou fórmulas para facilitar posibles recortes de prazos. 

Outras das queixas máis estendidas en relación con este fondo, e das que deu conta tamén a conselleira, son as referidas á pouca claridade que ofrecen varios termos aplicables á concesión das axudas así como a xeneralización na definición efectuada polo fondo que ten deixado fóra a varios ámbitos produtivos susceptibles de necesitar apoios debido ás súas particulares características. Por isto, destacou a titular de Mar, deberíanse incorporar medidas xenéricas, adaptables a nivel estatal ou de conca, que permitan incluír as especificidades de cada área.

A maiores, a titular de Mar lembrou que o actual fondo xa tardou en botar a andar pola demora na publicación do regulamento que o rexe así como polo retraso na aprobación tanto do programa operativo de España como dos criterios de selección dos proxectos. Estas circunstancias provocaron que non comezase a súa utilización ata 2016, dous anos despois da súa teórica entrada en vigor. 

Imaxes relacionadas