A Xunta pide ao Goberno que traballe co sector empresarial e as comunidades autónomas para contar cunha xestión áxil e útil dos fondos europeos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, respondeu esta tarde no Parlamento a dúas preguntas sobre a xestión dos fondos Next Generation e os apoios da Administración autonómica ao comercio

Solicita ao Goberno que convoque a Mesa da Automoción e lamenta a escasa intensidade das axudas e a rixidez dos prazos de execución no Perte do vehículo eléctrico e conectado

Reitera o compromiso da Xunta co sector comercial, que este ano verá reforzado o apoio que recibe para impulsar a súa competitividade e innovación

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reiterou esta tarde a súa petición ao Goberno para que traballe da man do sector e das comunidades autónomas co obxectivo de acadar unha xestión máis áxil e útil dos fondos europeos. Conde asistiu esta tarde ao Parlamento galego para valorar as actuacións levadas a cabo polo Executivo central en relación á execución dos Perte.

O vicepresidente económico lamentou a distribución que se está a facer marcada polo centralismo, a lentitude e a falta de transparencia, poñendo en risco investimentos estratéxicos. Explicou, así, que o Goberno está reservando o 66% dos fondos que recibe de Bruxelas para a súa xestión directa e o 100% dos destinados a proxectos industriais. E, ademais, apuntou que dos 11 Pertes anunciados por preto de 35.000M€, o tecido empresarial só está podendo optar neste momento a unha sexta parte do orzamento comprometido, un 17%.

Como exemplo desta falta de rigor na xestión, Conde referiuse á automoción, en concreto ao Perte do vehículo eléctrico e conectado, no que o Goberno xa ten amosado o seu apoio a proxectos antes incluso de que finalice o prazo de presentación de propostas e deixando á marxe a varias autonomías, entre elas Galicia -a pesar de contar co primeiro fabricante en España-.

De feito, as bases deste Perte deixan fóra o plan de investimento para as novas plataformas industriais que asegurarían o futuro da planta de Stellantis en Balaídos
-especialmente pola escasa intensidade das axudas e a rixidez nos prazos de execución-, así como o circuíto de probas para coches autónomos no que participa o CTAG. Por este motivo pediu, de novo, ao Goberno central que convoque a Mesa da Automoción para dar explicacións sobre o que está ocorrendo tanto ao tecido empresarial como ás comunidades autónomas.

Conde tamén lembrou que Galicia segue agardando a confirmación do Goberno central sobre o acceso aos fondos europeos por parte do proxecto da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri en Palas de Rei; así como a confirmación das axudas do Perte para o sector naval, para o que se está avanzando nunha candidatura baseada na dixitalización, innovación, sustentabilidade, talento e formación.

O vicepresidente primeiro rematou subliñando que Galicia cumpriu cando Europa demandou o deseño de proxectos tractores e recordou que as propostas presentadas por Galicia ás convocatorias anunciadas polo Goberno suman case 8500 millóns de euros e abranguen ao redor de 200 empresas e máis de 10.000 postos de traballo.

Comercio

Por outra banda, o vicepresidente económico tamén respondeu a unha pregunta sobre os apoios ao comercio, na que reiterou o compromiso da Xunta de Galicia con este sector que este ano verá reforzado o apoio da Administración para impulsar a súa competitividade e innovación.

Conde lembrou que este ano se destinan 6M€ para seguir coa transformación do sector comercial e artesanal -un 20% máis con respecto ao ano pasado- e avanzou que proximamente se convocarán as axudas para o tecido asociativo que medran nun 10% ata acadar os 3 M€. Rematou lembrando que Galicia destinará este ano 25M€ de fondos propios para colaborar con este sector.

Imaxes relacionadas