O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou no acto de presentación, en Lalín

A Xunta presenta o primeiro produto amparado polo selo de calidade de artesanía alimentaria

José Luis Cabarcos puxo en valor que se trata dunha cervexa ecolóxica producida por Kalinka Lagazós S.L., elaborada con ingredientes cultivados na propia explotación do operador (cebada e lúpulo)

Irá identificada co distintivo xenérico de artesanía alimentaria, publicado o pasado mes de marzo xunto cos que diferenciarán os produtos artesáns da casa e os produtos artesáns de montaña

A súa obtención réxese pola norma técnica relativa ás cervexas artesás, tamén aprobada en marzo, que recolle requisitos como as materias primas ou os procesos de elaboración autorizados, así como o seu modo de presentación e rastrexabilidade

Lalín (Pontevedra), 25 de maio de 2022

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, puxo hoxe en valor o primeiro produto amparado polo selo de calidade de artesanía alimentaria, promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores. Trátase dunha cervexa ecolóxica producida por Kalinka Lagazós S.L., elaborada con ingredientes cultivados na propia explotación do operador (cebada e lúpulo).

O director destacou que este primeiro produto amparado polo novo selo poderá diferenciarse no mercado grazas ao distintivo xenérico de artesanía alimentaria que levará na súa etiqueta. Un distintivo que fora publicado o pasado mes de marzo xunto cos outros dous que darán conta de que as producións que os levan son produtos artesáns da casa (elaborados con materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto) ou produtos artesáns de montaña (provenientes de empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como “de montaña”, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea).  

Cabe engadir que a obtención deste produto ecolóxico réxese pola norma técnica relativa ás cervexas artesás, tamén aprobada en marzo xunto con outras 13, para facer públicos unha serie de requisitos que buscan garantir a elaboración tradicional e unha coidada presentación, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet. En concreto, esta norma específica recolle as materias primas ou os procesos de elaboración autorizados, o seu modo de presentación ou como deben ser a rastrexabilidade e o control.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural