A Xunta dota con preto de 850.000 euros unha nova liña de axudas para impulsar a modernización das salas de cine galegas

O Consello aproba as bases destas subvencións para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos, e adaptación aos novos hábitos de consumo cultural

Trátase dunha das liñas de apoio ao sector cultural galego xestionada pola Administración autonómica ao abeiro dos fondos Next Generation
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

O presidente da Xunta avanzou hoxe a aprobación no Consello da Xunta dun novo programa de apoio ás salas de cine galegas dotado con preto de 850.000 euros. Nese sentido, explicou que con este investimento se busca modernizar estes espazos de exhibición cinematográfica, contribuíndo a financiar proxectos relacionados coa innovación, o funcionamento dixitalizado e sustentable, a captación e fidelización de públicos e a adaptación aos novos hábitos de consumo cultural.

 

Trátase, dixo, dunha das iniciativas para o sector cultural galego que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades pon en marcha no marco do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia dos fondos Next Generation EU. Ao seu abeiro, acaba de resolverse a adxudicación de máis de 1,21 millóns de euros para a modernización e xestión sustentable de 46 teatros, auditorios e salas de exhibición de artes escénicas. Ademais, permanece aberta ata o 3 de xuño a primeira das convocatorias do programa Territorio Cultura, que destina preto de 630.000 euros a ampliar e diversificar a oferta cultural en núcleos non urbanos.

 

“Permitirán sufragar o 80% do custo destas accións ata un máximo de  21.600 euros no caso dos espazos cunha soa pantalla ata os 55.300 euros para os que teñan ata un máximo de 15”, abundou.

 

As contías adxudicadas destinaranse a proxectos que se leven a cabo ata o 20 de abril de 2023 en relación con un ou con varios dos tres eixes preestablecidos: dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías, medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, captación e fidelización de públicos, así como innovación tanto na programación como na circulación de producións europeas e en linguas oficiais de España.

 

Incremento do 140 %

Con esta nova convocatoria, refórzase en máis do 140 % o investimento da Xunta neste ámbito respecto a 2021, ano en que 21 salas comerciais de 13 localidades foron destinatarias dunha liña dotada con 350.000 euros para contribuír á súa viabilidade. Recoñecíase, así, o papel fundamental destes establecementos para o conxunto do sector audiovisual, nun momento en que a crise sanitaria supuxo unha forte diminución dos seus ingresos directos, non só polas restricións aplicadas, senón tamén polos cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais.

Imaxes relacionadas