Rueda destaca un investimento de 6,7 M€ para impulsar a conciliación das familias con menores de 16 anos ao seu cargo en Concellos, Anpas e entidades de iniciativa social

A iniciativa enmárcase dentro do Plan Corresponsables e ten como obxectivo que entidades locais, de iniciativa social e asociacións de nais e pais promovan servizos de coidado en dependencias públicas e domicilios para a atención das mozas e mozos

Con estas medidas prevese a contratación dunhas 500 persoas con perfís profesionais técnicos relacionados con actividades socioculturais, integración social, de tempo libre, educación infantil, animación sociodeportiva ou auxiliares de gardería

Entre as beneficiarias dos servizos para a conciliación, darase prioridade ás familias das vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais, en situación de desemprego ou unidades familiares con mulleres maiores de 45 anos
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

O presidente da Xunta destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Goberno galego investirá 6,7 millóns de euros para impulsar a conciliación e beneficiar ás familias de 16.000 menores de 16 anos, en concellos, entidades de iniciativa social e asociacións de nais e pais de alumnos (Anpas).

Cómpre salientar que con estes apoios, a Administración autonómica promoverá servizos de conciliación baseados nos coidados profesionais, que se prestarán en dependencias públicas e a domicilio, polo que tamén se contribuirá á creación duns 500 postos neste sector.

Así mesmo, Rueda precisou que esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Corresponsables, que conta con máis de 10,7 millóns de euros de orzamento, co fin de reforzar as medidas autonómicas a prol da conciliación.

Entre os beneficiarios das actuacións, darase prioridade ás vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións -especialmente cando teñan que acudir a interpoñer denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas, ou trámites burocráticos-; familias monoparentais; mulleres en situación de desemprego -para realizar accións formativas ou procura activa de traballo-; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Recibirán financiación os servizos de coidado que presten as entidades, tanto no domicilio como en dependencias públicas, así como os plans de sensibilización e formación en materia de corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

O orzamento da convocatoria repartirase en tres liñas. Case 4,5 millóns de euros permitirán financiar os servizos que promovan concellos de forma individual ou mediante xestión compartida. Outros 1,5 millóns de euros destinaranse ás entidades de iniciativa social, e as Anpas contarán con 700.000 euros do orzamento. As axudas máximas, en función da liña, poderán acadar os 400.000 euros para promover servizos que axuden a conciliar ás familias con menores de 16 anos ao seu cargo.

A Xunta asumirá, no marco desta convocatoria, os gastos directos da contratación do persoal, así como outros de tipo corrente nos que incorran as entidades para desenvolver as actuacións, a difusión e información, así como a edición de materiais didácticos.

A creación de bolsas de coidados permitirán a contratación estimada dunhas 500 persoas traballadoras. O Plan Corresponsables prevé a incorporación ás bolsas de perfís profesionais como técnica/ou en actividades socioculturais, en integración social, monitoras/es de lecer e tempo libre, técnicas/os superiores de animación sociodeportiva, de educación infantil, e auxiliares de gardería e xardín de Infancia.

Plan Corresponsables

Galicia dispón de máis de 10,7 millóns de euros do Plan Corresponsables para reforzar as medidas a favor da conciliación, coa finalidade de que exista un auténtico equilibrio na distribución das responsabilidades familiares e de facer compatible a maternidade e/ou paternidade co mercado laboral.

Neste marco, a Xunta xa subscribiu un acordo de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte polo que se destinarán 3,5 millóns de euros para a promoción de actividades de animación socio deportiva a través das federacións deportivas galegas co obxectivo de contribuír á conciliación das familias.

Tamén se asinarán acordos (300.000 euros) coas asociacións de mulleres rurais Femuro, Fademur e Femupo para a acreditación profesional da experiencia laboral de mulleres, preferentemente maiores de 45 anos, con experiencia non formal no coidado de menores de 16 anos. As consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e a de Política Social colaboran tamén para axudar a conciliar a unhas 7.000 familias a través de programas de lecer en albergues e espazos xuvenís, tamén no marco do Plan Corresponsables, aos que se dedicarán 3M€.

Con estas medidas, ademais de axudar á conciliación das familias, o Goberno galego fomenta a creación de emprego de calidade no sector dos coidados.

 
 


Imaxes relacionadas