O conselleiro do Medio Rural respondeu unha interpelación no Pleno do Parlamento galego

A Xunta pon en valor o proceso participativo aberto para actualizar a Lei de montes veciñais en man común de Galicia

José González lembrou que se vén de pechar o prazo para que todos os interesados presentasen achegas á futura norma, recalcando que aínda non hai texto ningún para lograr este impulso dos montes veciñais recollido no Plan Forestal 2021-2040

A maiores, segundo engadiu, a revisión virá precedida dun libro branco previo ao anteproxecto de lei, trámite voluntario que pretende consensuar o máximo posible a reforma dende unha posición de diálogo por parte do Goberno galego

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022.-

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor o proceso participativo aberto pola Xunta para actualizar a Lei de montes veciñais en man común de Galicia. En sede parlamentaria, lembrou que vén de rematar o prazo establecido no trámite obrigatorio da fase de consulta pública previa, para que todos os interesados puidesen aportar as súas achegas de cara á redacción da futura norma. Polo tanto, non pode haber -segundo recalcou- proceso máis participativo para dar forma a un texto que -salientou- non existe aínda.

 

Como mostra do diálogo e a participación que está a buscar o Goberno galego, o titular de Medio Rural lembrou como se enriqueceu a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que vén de cumprir o seu primeiro ano en vigor, grazas ás aportacións da oposición.

Sinalou, ademais, que o procedemento de revisión da Lei de montes veciñais virá tamén precedido dun libro branco previo ao anteproxecto de lei, trámite voluntario -incidiu- que pretende consensuar o máximo posible a reforma dende unha posición de diálogo.

Na súa intervención, o conselleiro aseverou que a necesidade desta actualización normativa xa fora detectada polo Ditame da Comisión forestal do 2018, que fora aprobado no Parlamento co apoio das tres cuartas partes da Cámara. A maiores, a proposta de inicio da revisión do marco normativo que regula os montes veciñais foi tratada tamén na reunión do Consello Forestal do pasado 18 de xaneiro, onde contou co visto bo da Organización galega de montes veciñais. Unha entidade que -segundo engadiu- tamén formou parte do Grupo de Traballo creado no seo do Consello Forestal para redactar as directrices da 1ª revisión do Plan Forestal 2021-2040 que inclúe, así mesmo, esta necesidade de actualizar a devandita normativa.

Deste xeito, José González afirmou que estamos a falar dunha necesidade detectada fai anos, que se está a abordar da man de todos os axentes implicados. Todo para protexer e impulsar unha figura como a dos montes veciñais, de gran importancia no conxunto do territorio galego, pola capacidade que posúe ademais para aportar rendas e beneficios no rural.

Sinalando que non se pode privatizar algo que xa é privado, referíndose aos montes veciñais como forma de propiedade privada colectiva de natureza xermánica, o conselleiro concluíu cos principais obxectivos que persegue a Xunta con este novo texto. En esencia, o mantemento da capacidade produtiva sustentable dos montes veciñais, a valoración de todos os seus recursos e servizos forestais, a súa multifuncionalidade, a súa organización e xestión e, por suposto, a súa protección.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural