A Xunta inicia a construción dunha senda peonil na estrada PO-548 en Cordeiro, no concello de Valga, cun investimento de 737.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde, José María Bello, visitou o comezo destes traballos, que teñen un prazo de execución de seis meses, polo que se agarda que queden rematados ao longo deste ano

A obra, que dá continuidade ao plan de fomento da mobilidade sostible e reforzo da seguridade viaria da Xunta, consiste nun itinerario seguro de 230 metros de lonxitude, incluíndo unha pasarela no río Louro, e a continuidade dunha vía municipal

“Trátase dunha actuación fundamental para unha contorna de moito tráfico de vehículos e peonil, xa que une a igrexa de Santa Columba, o colexio Ferro Couselo e o pavillón, que ofrece moitos servizos e actividades”, detallou Luis López
 

Valga (Pontevedra), 25 de maio de 2022.-

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de iniciar as obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-548 ao seu paso pola parroquia de Cordeiro, no Concello de Valga, cun investimento de 736.989 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou o comezo dos traballos desta actuación, enmarcada nas accións da Xunta para o fomento da mobilidade sostible e a mellora da seguridade viaria, xunto ao alcalde de Valga, José María Bello, e outros representantes municipais. Ademais, apuntou que as obras contan cun prazo de execución de seis meses, polo que se agarda, se non hai atrancos cos subministros ou outras causas alleas, que queden rematados ao longo deste ano.

 

A obra executarase entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200 desta estrada PO-548, que une Pontecesures e Catoira, ao seu paso por Valga. Así mesmo, esta actuación de construción dunha senda de 230 metros complementarase coa continuidade dun viario municipal anexo.

 

“Trátase dunha obra fundamental para mellorar as condicións de seguridade dos centos de persoas que se desprazan a pé por esta vía, que ten moito tráfico de vehículos e peonil, posto que une a igrexa de Santa Columba, o colexio Xesús Ferro Couselo e o pavillón municipal, que ofrece moitos servizos e actividades”, detallou o representante autonómico.

A nova senda, que será financiada cos fondos REACT-UE, partirá do itinerario existente na vía autonómica PO-548 e discorrerá pola marxe esquerda ata o cruce coa pista municipal á que se lle dará continuidade para mellorar os servizos de conexión. Requirirá da instalación dunha pasarela metálica de grandes dimensións sobre o río Louro, na proximidade da igrexa de Santa Columba de Cordeiro, xa que terá 21 metros de lonxitude e case 3 metros de anchura.

 

Tamén se ampliará o paso sobre ese río, aumentando a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e construíndo catro muros de contención para asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade.

 

A intervención compleméntase coa reordenación do tráfico na intersección no punto quilométrico 3+910, onde se prevé executar unha pequena glorieta que permita o cambio de sentido, impida a realización de movementos que provocan situacións de risco e reforce a seguridade viaria.

 

Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe.

Imaxes relacionadas