A Xunta presenta o Festival O son dos arrieiros no marco dos concertos do Xacobeo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na rolda de prensa da presentación do Festival que nesta nova edición conta con artistas como Ortiga, A Banda da Loba ou Sleepy Space

A Estrada, 25 de maio de 2022.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na rolda de presentación do festival de música “O Son dos Arrieiros”, no marco dos concertos do Xacobeo, xunto co alcalde da Estrada, José López e Patricia Hermida, directora do festival.

 

Na súa intervención, Nava Castro destacou que “dende a Xunta tiñamos moi claro que un dos nosos eixes de actuación deste Xacobeo sería o de achegar a cultura á xente, diseminando os diferentes espectáculos culturais, artísticos e deportivos aos diferentes territorios, permitindo desta maneira que todos os lugares de Galicia puideran contar con eventos nesta celebración tan esperada.”

Neste senso, valorou a celebración deste festival como un éxito das sinerxías entre administracións, o que favorece a chegada de artistas de fama mundial e permite que tanto galegos como peregrinos desfrutemos de esta oferta cultural, situando a Galicia no mapa como referente nacional e internacional. Esta nova edición contará con artistas como Ortiga, A Banda da Loba ou Sleepy Space.

 

O apoio da Xunta a este tipo de iniciativas reflicte a aposta do Goberno galego pola diversificación e desestacionalización da celebración do Xacobeo, cunha oferta cultural con máis de 300 artistas repartidos en máis de 70 concertos e festivais en  todo o noso territorio.

Imaxes relacionadas