O CEIP A Xunqueira 2 de Pontevedra participa no programa 'Vexo Veo Xacobeo' para difundir o valor do Camiño entre os escolares

O delegado territorial, Luis López, participou, xunto a 70 escolares deste colexio público, nunha actividade consistente nun percorrido polo Camiño Portugués na cidade e un contacontos vencellado ao Ano Santo

Preto de 650 rapaces de oito centros educativos da provincia toman parte, ao longo deste mes, nesta iniciativa protagonizada polas rutas xacobeas da provincia, como a portuguesa, a variante pola costa e a Vía da Prata

“É fundamental educar aos cativos nos valores do Camiño e que sintan que é algo propio, que forma parte da identidade de Galicia e que se trata dun elemento cultural e patrimonial de primeira orde”, sinalou o representante autonómico
 

Pontevedra, 25 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, está a desenvolver, ao longo desta segunda quincena de mes de maio, o programa Vexo Veo Xacobeo, que pretende difundir o valor do Camiño de Santiago entre os escolares e que hoxe celebrou unha nova actividade na cidade de Pontevedra cos alumnos e alumnas do CEIP A Xunqueira 2.

 

O delegado territorial da Xunta, Luis López, participou esta mañá, xunto a 70 escolares de Educación Infantil deste colexio público, nunha actividade consistente nun percorrido polo Camiño Portugués na cidade que rematou nun contacontos lúdico e educativo vencellado ao Ano Santo.

 

O grupo partiu da coñecida popularmente como Fonte dos Nenos e camiñou polas principais arterias urbanas desta ruta xacobea a través da rúa da Peregrina, a Praza da Ferreiría, a rúa Real e a Praza da Pedreira, onde rematou a actividade co citado contacontos.

 

“É fundamental educar aos cativos nos valores do Camiño, porque fan referencia á solidariedade, o compañeirismo ou o esforzo, e ademais tamén cremos que deben coñecer que se trata de algo propio, que forma parte da identidade de Galicia e que se trata dun elemento cultural e patrimonial de primeira orde do que debemos estar moi orgullosos e que debemos difundir a todo o mundo”, sinalou o representante autonómico, que valorou especialmente o elevado interese dos rapaces polo Camiño.

 

A actividade do programa Vexo Veo Xacobeo en Pontevedra é a antepenúltima desta edición do programa, que rematará con senllos contacontos os días 26 e 27 de maio no CEIP Xesús Golmar de Lalín e o 30 e 31 deste mesmo mes no CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López do Porriño.

 

En total, case 650 nenos e nenas de oito centros educativos da provincia de Pontevedra pertencentes aos municipios de Caldas de Reis, A Guarda, O Porriño, Mos, Lalín e a capital provincial participarán nesta iniciativa, que ten como eixo vertebrador as rutas xacobeas do Camiño Portugués, a variante lusa pola costa e a Vía da Prata.

Imaxes relacionadas