A conselleira do Mar compareceu no Parlamento para dar conta do ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Pesqueira Común

Galicia conta xa cunha folla de ruta forte e consensuada do seu sector marítimo-pesqueiro para a defensa dos seus intereses ante a revisión da PPC

A titular de Mar salienta que é o momento de que as rexións pesqueiras europeas actúen para reconducir os ditados da Política Pesqueira Común e dar resposta ás necesidades das comunidades costeiras e aos novos retos do sector

O ditame do Consello Galego de Pesca é un documento consensuado coa participación de todos os elos da cadea mar-industria de Galicia e que pretende que as demandas da comunidade sexan escoitadas e atendidas en Europa

O sector marítimo-pesqueiro galego inclúe entre as cuestións fundamentais desa revisión a necesidade de que haxa un comercio pesqueiro igualitario entre todos os países e a revisión do concepto de zona altamente dependente da pesca

A Xunta considera que a aposta polo eido social debe ser prioritaria, potenciando a remuda xeracional mediante a mellora das condicións de vida a bordo e da formación para facer que a profesión sexa unha opción ben remunerada e atractiva para a mocidade europea

O ditame de Galicia demanda homoxeneidade fiscal na produción global de produtos pesqueiros e que se manteña a bonificación a todos os combustibles mentres non existan alternativas viables que substitúan eficazmente os combustibles fósiles empregados no sector pesqueiro
 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao Parlamento de Galicia a folla de ruta coa que conta a comunidade para a defensa dos intereses do seu sector marítimo-pesqueiro ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), prevista para antes de que remate este ano. Esa estratexia, explicou, é froito do traballo de todos os elos da cadea mar-industria de Galicia a través do Consello Galego de Pesca e quedou plasmada nun ditame que conta coa fortaleza que dá a unidade e o consenso acadado entre todas as partes, que realizaron distintas aportacións co obxectivo de melloralo.  

“Este ditame nace no momento idóneo para que as rexións pesqueiras europeas tomen o liderado na definición dos cambios que permitan reconducir os ditados da PPC ás necesidades das comunidades costeiras e aos novos retos a nivel europeo e global”, explicou a titular de Mar, que animou á Cámara a apoiar esa estratexia de xeito claro, logo de ter formulado achegas para reforzala, para que as opinións de Galicia sexan escoitadas e atendidas en Europa.

Neste sentido, a representante do Executivo galego defendeu que a nova PPC ten que ser unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica, a innovación tecnolóxica e a mellora das condicións de traballo a bordo ao tempo que vele pola soberanía alimentaria e o abastecemento á poboación de proteína animal saudable.

Cuestións fundamentais

Rosa Quintana fixo fincapé en cinco cuestións fundamentais para o sector, entre elas reforzar a unidade da Unión Europea en termos pesqueiros, acuícolas e de transformación e comercialización de produtos do mar dando unha cobertura normativa e operativa común e igualitaria preservando as singularidades de cada Estado membro. A ela engádese o desenvolvemento dun campo de xogo en igualdade de condicións (level playing field), tanto cara ao interior como cara ao exterior da Unión Europea, buscando o equilibrio das normas, especialmente no ámbito do control e a rastrexabilidade, e xerando a maior seguridade xurídica posible.

A terceira desas cuestións estaría centrada na revisión do concepto de zona altamente dependente da pesca orientando os seus elementos definitorios cara aspectos clave na sociedade actual como a produción de alimentos de calidade. A estes asuntos engadiríanse a análise da aplicación da obriga de desembarque de tódalas capturas e a mellora da súa continuidade así como a revisión do criterio de asignación de cotas para adecualo ao patrón de capturas de cada pesqueira e establecer un sistema que permita poñer fin a incoherencias e desaxustes producidos polo actual sistema de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas.

Eixos estratéxicos

A conselleira do Mar sinalou que para obter éxito nesas cinco cuestións, o ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca establece tamén cinco eixos estratéxicos: unha política pesqueira común social e de futuro; un comercio pesqueiro xusto; unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade; a adaptación ao cambio climático; e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

No primeiro deles, Rosa Quintana incidiu na necesidade de que a aposta polo eido social sexa un asunto prioritario, potenciando a remuda xeracional mediante a mellora das condicións de vida a bordo e a adecuación da formación. Ao mesmo tempo, defendeu a necesidade dunha renovación tecnolóxica das estruturas produtivas, rebaixando os custos de produción e mellorando as condicións de habitabilidade e seguridade, para facer da profesión unha opción ben remunerada e atractiva para a mocidade europea.

En canto ao comercio pesqueiro xusto, o ditame de Galicia defende un mercado no que só poidan participar aqueles que acepten os principios dun xogo xusto e equilibrado. Con ese obxectivo, a comunidade pide á Unión Europea que estableza unhas normas mínimas de obrigado cumprimento e impida o acceso ao mercado comunitario a todos aqueles axentes que incumpran eses requisitos.

No eido da pesca sostible e da conservación da biodiversidade, a titular de Mar expuxo a necesidade de consolidar a economía azul pois xera alimentos saudables, crea postos de traballo dignos e contribúe á neutralidade climática e á loita contra a contaminación mariña. Por iso, Galicia salienta a capacidade nutritiva dos produtos do mar, a súa contribución á saúde, a súa baixa pegada de carbono e hídrica e a importancia de reforzar a investigación para coñecer mellor o estado dos stocks e dos ecosistemas.

 

Na loita contra o cambio climático, Rosa Quintana lembrou a transcendencia de que a sustentabilidade da actividade se consiga a través do equilibrio entre as dimensións económica, social e ambiental. Ao mesmo tempo, incidiu na relevancia dos debates sobre o quecemento global e a descarbonización así como abordar a dependencia dos combustibles fósiles e desenvolver con sensatez e progresividade o enfoque de ecosistema na xestión dos recursos.

En canto á cogobernanza global, Galicia apoia a necesidade de crear organizacións rexionais de pesca en augas internacionais alí onde non existan para mellorar a xestión dos recursos e entendendo que todas as áreas oceánicas deben estar cubertas por algunha organización deste tipo.

Obxectivos específicos

A representante da Xunta engadiu que esas cinco cuestións e eses cinco eixos estratéxicos levan a que Galicia se marcase 29 obxectivos específicos na súa estratexia. Entre eles destacou unha renovación da frota pesqueira que responda ás exixencias de condicións laborais e de igualdade de xénero eliminando a limitación do volume para permitir mellores condicións de traballo e vida así como facilitar a introdución de tecnoloxías verdes a bordo dos barcos.   

Outro dos obxectivos específicos céntrase na demanda á Unión Europea para que formule ante a Organización Mundial de Comercio (OMC) unha proposta de homoxeneización da fiscalidade en todos os países produtores internacionais de produtos pesqueiros e para que se manteña a bonificación a todos os combustibles ata que existan alternativas viables que substitúan eficazmente os combustibles fósiles empregados no sector pesqueiro.  

A eles engádense outros como o estímulo da igualdade de xénero e promover a participación de mulleres no mercado laboral marítimo-pesqueiro, o recoñecemento da pesca artesanal, a acuicultura e o marisqueo como actividades fundamentais no eido socioeconómico para as rexións marítimas periféricas ou poñer de manifesto o papel esencial da proteína mariña na seguridade alimentaria europea e as súas vantaxes en termos de pegada e carbono e hídrica no medio ambiente.

A conselleira do Mar explicou que Galicia presenta así no Parlamento a súa estratexia de cara á revisión da PPC e que proximamente a remitirá aos parlamentarios galegos do Senado, Congreso dos Deputados e da Eurocámara a fin de que adopten as actuacións e xestións oportunas na defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego. Ao mesmo tempo, a Xunta avanzará nos encontros iniciados en febreiro na Bretaña francesa para obter apoios doutras rexións pesqueiras -como Países Baixos, Dinamarca ou Irlanda- e manterá contactos coas entidades representativas do sector pesqueiro europeo e coas redes de rexións atlánticas como a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) ou a Comisión Arco Atlántico.

Imaxes relacionadas