A Xunta pon en valor o Camiño de Santiago como evento dinamizador da demanda cultural e turística de Galicia

Nava Castro participou na rolda de prensa de presentación do Congreso Mundial de Pastoral de Turismo, que celebra do 5 ao 8 de outubro en Compostela a súa VIII edición

O encontro celebrarase baixo o lema “Turismo e Peregrinación. Camiños de Esperanza”

Poñer en común as reflexións, experiencias e actuacións que se levan a cabo en torno á peregrinación en diferentes lugares do mundo é o principal obxectivo do Congreso

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022

A Xunta puxo en valor o Camiño de Santiago como evento dinamizador da demanda cultural e turística de Galicia na rolda de de prensa esta mañá da presentación do VIII Congreso Mundial Pastoral de Turismo, baixo o lema de Turismo e Peregrinación. Camiños de Esperanza”.

Na rolda de presentación participou Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia, xunto co Monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela; Monseñor Francisco José Prieto Fernández, bispo auxiliar de Santiago de Compostela, e Gustavo Riveiro D´Angelo, director do Departamento para a Pastoral de Turismo da Conferencia Episcopal Española.

Na súa intervención, Castro salientou o traballo realizado dende a Xunta para este Ano Santo “apostando polo Camiño como motor de recuperación económica e espiritual para Galicia, investindo máis de 170 millóns de euros na mellora, acondicionamento e posta en marcha deste Ano Xacobeo dobre”.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé no récord de peregrinos que están chegando a Compostela dende o inicio deste Ano Xacobeo, subliñando que o Camiño “unido a un amplo, diverso e único conxunto de recursos turísticos, converte a Galicia nun destino turístico seguro, acolledor e non masificado no que poderán encontrar propostas turísticas altamente especializadas, como turismo deportivo ou náutico, termalismo, turismo rural, enogastronómico, cultural e paisaxístico”.

Imaxes relacionadas