A Xunta estenderá o cribado poboacional de cancro de cérvix a toda Galicia

O seu despregamento levarase a cabo dun xeito progresivo, durante o presente mes de maio, iniciarase a súa expansión pola totalidade da área sanitaria de Lugo e, está previsto que ao longo do ano 2022 estea operativo nas áreas de Ferrol e Pontevedra

Durante o ano 2023, completarase a súa implantación nas sete áreas áreas sanitarias galegas, estimándose un investimento anual próximo ao 1’2 millóns de euros

O programa de detección precoz do cancro de cérvix beneficiará a máis de 621.000 mulleres galegas
 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o despregamento do programa poboacional de cribado de cancro de cérvix ao conxunto da comunidade galega.

 

Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o titular de Sanidade detallou folla de ruta dun programa de cribado destinado ás máis de 621.000 mulleres galegas con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, e que ten por obxectivo reducir a morbi-mortalidade e a incidencia deste cancro entre poboación galega.

 

En decembro do ano 2020, a Consellería de Sanidade iniciou a planificación do Programa galego de detección precoz do cancro de cérvix e, recentemente, vén de concluír a primeira pilotaxe deste cribado, levada a cabo no distrito centro da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

 

O despregamento deste programa levarase a cabo dun xeito progresivo e, este mesmo mes de maio, iniciarase a súa expansión pola totalidade da área sanitaria de Lugo. Así, ao longo deste ano 2022, tamén estará operativo nas áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra. Ademais, no ano 2023 completarase a súa expansión ás sete áreas sanitarias galegas, ao implantarse tamén nas áreas da Coruña, Santiago, Ourense e Vigo.

Unha vez completada a súa implantación en todo o territorio galego, estimase un investimento anual próximo ao 1’2 millóns de euros.

O conselleiro de Sanidade salientou que coa extensión deste programa “a Xunta continúa coa súa aposta pola prevención e a detección precoz”, asi como por “unha Sanidade que actúa antes de que se presente a enfermidade”.

 

Pola súa banda. o xerente do Sergas apuntou que entre os anos 2016 e 2020, o Sergas diagnosticou un total de 547 casos con esta patoloxía, das que o 42’6% precisoaron dunha intervención cirúrxica.

 

Nese mesmo período de tempo, o número de altas no Servizo Galego de Saúde por diagnóstico deste tumor ascendeu a 1.203, o que representa unha media anual de 253 altas. Segundo os últimos estudos do Sergas, a rede sanitaria pública galega pasou de detectar casos nunha media de idade dos 61 anos -en 2016-, aos 54’4 anos -en 2020-.

 

Neste senso, José Flores remarcou que grazas a este tipo de accións preventivas “o Servizo Galego de Saúde consegue diagnosticar cada vez máis cedo unha patoloxía” que, na actualidade, xa é o segundo cancro máis frecuente en mulleres.

 

Datos do programa piloto galego

 

O cancro de cérvix é unha das principais causas de cancro entre mulleres a nivel mundial, sendo unha das neoplasias malignas que se poden controlar máis eficazmente. Unha fase preclínica prolongada e a identificación de fases premalignas con posibilidade de tratamento efectivo e sinxelo, confírenlle a posibilidade de instaurar medidas de detección precoz, engadindo ao obxectivo de detección precoz do cancro o da redución da incidencia, tal e como sucede no caso do cancro colorrectal.

 

O Virus do Papiloma Humano (VPH) é o responsable de practicamente a totalidade das lesións pre-cancerosas e os cancros de cérvix. Porén, a primeira proba de cribado é a detección de infección por VPH-AR que, de resultar positiva, requiriría unha citoloxía posterior.

 

A directora Xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou os datos da pilotaxe organizada polo departamento que dirixe no distrito centro da área sanitaria de Lugo, e na que Sanidade convidou ás probas de cribado a un total de 6.234 mulleres nas dúas modalidades de participación existentes: autotoma ou cita médica.

 

Do total de mulleres convidadas, participaron no cribado 3.046, o que representa unha participación do 49,1%. Delas, o 4,4% obtiveron un resultado positivo en infección en VPH-AR, polo que posteriormente deberon realizar unha citoloxía dentro deste programa para confirmar o diagnóstico. Ademais, entre todas estas probas detectáronse dous cancros. Os datos da pilotaxe, reflicten que a positividade foi superior no grupo de idade de 35 a 44 anos, diminuíndo a medida que aumenta a idade.

 

Toda a información referente a como participar no programa poboacional de cribado de cancro de cérvix atopa dispoñible na web do Servizo Galego de Saúde.

 

Imaxes relacionadas