A Xunta destina case 85.000 euros a cinco asociacións veciñais do concello da Lama para equipamento, mellora e accesibilidade dos locais sociais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

Natalia Prieto lembrou que a Xunta incrementou o orzamento da orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria nun 20%, ata acadar os 3M€
 

A Lama (Pontevedra), 24 de maio de 2022.-

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no Concello da Lama ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, do que se beneficiaron nos últimos meses cinco entidades veciñais que recibiron, en conxunto, preto de 85.000 euros para levar a cabo obras de acondicionamento, mellora e accesibilidade dos locais sociais nos que levan a cabo actividades en beneficio da comunidade.

En concreto, Natalia Prieto coñeceu de primeira man as actuacións realizadas no local social da Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta e no da Asociación de Veciños de Escuadra.

No primeiro caso, as obras consistiron na ampliación dunha rampla para mellorar o acceso ao local, a substitución de portas e fiestras, a mellora do illamento térmico do inmoble e o equipamento da cociña con novos electrodomésticos e servizos. No segundo, acometéronse obras de impermeabilización e illamento, ademais de colaborar na adquisición de material informático e de mobiliario para uso da veciñanza.

Ao abeiro da orde, a Xunta sufragou tamén melloras levadas a cabo nos locais sociais da Asociación de Veciños de Laxedo, na de Xende e Paradela e nas instalacións do Centro Cultural de Veciños de Pelete, todas elas coa finalidade de acondicionar e equipar os centros nos que se reúne a veciñanza para a posta en marcha de actividades que reforzan o asociacionismo e a cooperación veciñal.

Natalia Prieto lembrou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. A mellora encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

A orde de subvencións para este ano inclúese no plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

 

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

 

Imaxes relacionadas