A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou hoxe o inicio destas actuacións

Ethel Vázquez anuncia que o Hospital Naval terá a finais do verán o dobre de prazas de estacionamento grazas a un investimento da Xunta de 662.000 €, no marco da renovación da sanidade pública de Ferrol

Habilitaranse 3 novas zonas de estacionamento: unha no norte, contigua ao actual aparcadoiro; outra no sur; e outra na marxe esquerda do viario perimetral

Explica que se porán á disposición de traballadores e usuarios 266 novas prazas, 8 para persoas con mobilidade reducida, e máis de 20 puntos de recarga eléctrica

Ferrol, 24 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe que o Hospital Naval terá a finais do verán o dobre de prazas de estacionamento grazas a un investimento da Xunta de 662.000 euros, no marco da gran renovación da sanidade pública de Ferrol que está a acometer o Goberno galego.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou  as obras, que desde comezos de maio se están a centrar na ampliación deste aparcadoiro co obxectivo de cubrir o déficit de prazas actual.  

Concretou que se habilitarán 3 novas zonas de estacionamento: unha no norte, contigua ao actual aparcadoiro; outra no sur e unha última na marxe esquerda do viario perimetral.

Explicou que, en total, se porán á disposición dos traballadores e usuarios da sanidade pública en Ferrol 266 novas prazas de aparcadoiro, 8 delas para persoas con mobilidade reducida, dispoñendo máis de 20 puntos de recarga eléctrica para os automóbiles.  Nese sentido, destacou a adaptación deste espazo á nova mobilidade sostible.

Tamén se executará un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causa interferencias que prexudican a axilidade requirida para este servizo.

A conselleira destacou que esta intervención permitirá suplir a falta de prazas de aparcadoiro, polo tanto, dar mellor servizo aos usuarios e maior fluidez no tráfico, ademais de axilizar a atención sanitaria, co acceso exclusivo para ambulancias.

Explicou que a día de hoxe as obras están na súa fase inicial, centradas na preparación do terreo, coa roza e retirada da vexetación. O obxectivo é traballar, na seguinte fase, xa de forma simultánea tanto ao norte como ao sur do hospital.

Esta actuación dá continuidade aos traballos de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levados a cabo hai dous anos nos hospitais Marcide, Naval e Novoa Santos, cun investimento de 198.000 €.

Aposta pola sanidade pública

Ethel Vázquez lembrou que este tipo de intervencións se enmarcan na gran renovación da sanidade pública de Ferrol que está a acometer a Xunta, cun investimento que supera os 58 M€.

Remarcou que esta aposta ten a súa maior expresión na ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol, na que se está a avanzar, a pesar das dificultades derivadas da pandemia da covid e da crise de materiais.

Aínda con estas circunstancias, a Xunta progresa no Hospital Naval e no Arquitecto Marcide, cunha remodelación profunda que modernizará as instalacións e habilitará novos espazos, cun incremento do 54 % da superficie hospitalaria, mellorando áreas prioritarias como urxencias, cardioloxía ou hospitalización.

A reforma interior do Naval permite habilitar os novos espazos necesarios para o traslado de determinados servizos desde o Marcide, como Microbioloxía, hospital de día e a nova área de farmacia.

A maiores, levántanse 2 novos edificios anexos ao Marcide, cos traballos centrados na colocación de tabiques, pavimentos de granito, carpintarías exteriores e as instalacións na área de radioloxía, onde se iniciará esta semana a colocación do falso teito.

A Xunta tamén está a ultimar outra obra complementaria, a urbanización da rúa Doadores de Sangue, para dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2 proxectada na reforma deste complexo hospitalario.

Esta actuación suporá un investimento de máis de 900.000 € e está previsto que comece a executarse na primeira semana de xuño.

Imaxes relacionadas