A Xunta ensaia a coordinación práctica dos plans de loita contra incendios forestais cun simulacro en Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou nos labores, que despregaron a un centenar de efectivos polas parroquias de Bagude e Gonzar

Portomarín (Lug

o), 24 de maio de 2022 A Xunta de Galicia desenvolveu hoxe en Portomarín un simulacro para asegurar a coordinación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais en Galicia (PEIFOGA), que involucra a servizos de todas a administracións.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou nos labores xunto co alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, entre outros.

 

O operativo congregou a un centenar de efectivos. Por parte da Xunta interviñeron brigadas do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e da Axega, da central de urxencias 061, e membros da Policía Autonómica. Participaron tamén a Subdelegación do Goberno en Lugo, a Garda Civil, o parque de Chantada do Consorcio Provincial de Bombeiros, o concello de Portomarín, así como a Federación de asociacións de Protección Civil de Lugo, o GES de Monterroso e a Cruz Vermella.

 

O simulacro partiu dun suposto incendio rexistrado nas inmediacións do punto quilométrico 4 da estrada LU-P-4909, en Bagude. Durante o exercicio, practicáronse todas as situacións posibles, activando inicialmente o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) e o PEIFOGA en situación 0 e declarando logo a situación 2 pola posible afectación a bens non forestais, en concreto polo risco para catro núcleos de poboación nesta parroquia e na de Gonzar.

 

Arias explicou que esta operación pretende testar -e corrixir, de ser o caso- a coordinación e actuación dos medios que deben intervir en cada fase do incendio. “É unha posta a punto que realizamos todos os anos de cara á campaña de verán, que é cando é máis probable que poida xurdir unha emerxencia destas características”, sinalou.

 

Entre as tarefas que se desenvolveron figuran a instalación do Centro de Recepción de Medios e do Posto de Mando Avanzado, o confinamento dos núcleos de Bagude e Biduedo, a evacuación do núcleo da Ferrería, cortes de estradas, controis de accesos ou atención e traslado de feridos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural