A Xunta inviste máis de 530.000 euros en axudas a concellos de Ferrolterra para a contratación de 40 persoas perceptoras da Risga

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, avanzou que a maior parte do investimento na zona recae no concello de Ferrol ao que se lle concederon preto de 247.000 euros para contratar a 20 persoas traballadoras

A Xunta dará cobertura aos gastos salariais derivados da contratación por un período máximo subvencionado de nove meses e do 50 ao 75% da xornada

 

Ferrol, 24 de maio de 2022.-

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de notificar aos concellos galegos a concesión das axudas para a contratación de persoas perceptoras da Risga 2022 que suporá a contratación de 40 traballadoras e traballadores nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O investimento da Xunta é de máis de 530.000 euros.

 

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puntualizou que o obxectivo deste programa, do que se benefician nove concellos de Ferrolterra, é o de proporcionar ás persoas traballadoras destinatarias -mulleres e homes en situación ou risco de exclusión social- un contrato temporal que lles permita adquirir práctica profesional para facilitar a súa inserción laboral.

 

Nas tres comarcas, reciben apoio económico da Xunta nove concellos -Ferrol, Fene, Narón, Monfero, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Pontedeume e As Pontes- este ano e as contías oscilan entre os preto de 247.000 euros que percibirá Ferrol para a contratación de 20 traballadores e os máis de 12.500 dos que se beneficiará Pontedeume para contratar a unha persoa.

 

Neste caso, a Xunta dará cobertura aos gastos salariais totais derivados da contratación por un período máximo subvencionado de nove meses e do 50% ao 75% da xornada.

 

“A Xunta persegue mellorar a empregabilidade das persoas participantes e colaborar coas entidades locais na integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego”, explicou Martina Aneiros.

 

En termos xerais, a Xunta inviste este ano en toda Galicia case 7,7 millóns de euros en axudas destinadas á contratación de máis de 615 persoas perceptoras da Risga en preto de 180 concellos.

 
 
 

DISTRIBUCIÓN POR CONCELLOS DE FERROLTERRA DAS AXUDAS PARA CONTRATAR A PERSOAS PERCEPTORAS DE RISGA 2022

 
 
CONCELLOS
TRABALLADORES

IMPORTE CONCEDIDO

Ferrol
20
246.479,04
Fene
2
36.271,80
Narón
5
81.224,01
Monfero
1
13.407,84
Ortigueira
2
22.000,86
Cariño
2
21.215,34
Cedeira
5
75.429,90
Pontedeume
1
12.557,61
As Pontes
2
21.906,00
TOTAIS
40
530.492,40 €