A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero nas comunidades de veciños e contornas laborais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou dous convenios de colaboración co Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (Coafga) e coa Asociación galega de auditores socio-laborais (Agaxen)

Os acordos céntranse na prevención e na detección de situacións de violencia de xénero en todas as súas manifestacións no eido veciñal e nos espazos de traballo

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022.- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe candanseus convenios de colaboración co Colexio Oficial de Administradores de Fincas (Coafga) e coa Asociación galega de profesionais da auditoría sociolaboral de xénero e da prevención do acoso e da violencia de xénero (Agaxen) para a detección de casos de violencia contra a muller e o acoso sexual no entorno veciñal e laboral.

A Xunta de Galicia, a través deste marco de colaboración, reforzará a loita contra  situacións de violencia de xénero nas comunidades de propietarios xestionadas por administradores de fincas colexiados, e promoverá a prevención e sensibilización contra o acoso laboral en empresas e organizacións.

As aportacións de todos os axentes, organizacións non gobernamentais e sociedade civil son fundamentais para o Goberno galego no artellamento de medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas, dado que a violencia de xénero é moitas veces un delito invisible que ocorre na intimidade dos fogares.

Coafga e Agaxen son para a Administración autonómica entidades con voz autorizada para a divulgación de material informativo e accións formativas contra esta lacra. Lorenzana puxo hoxe en valor a relación de proximidade que as persoas administradoras de fincas teñen coas propietarias e propietarios dos inmobles e a capacidade de facerlles chegar información. Tamén a experiencia de Agaxen na prevención e loita contra o acoso e a violencia de xénero na empresa e as organizacións.

No marco desta colaboración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, facilitará ás dúas entidades material informativo e de sensibilización sobre a materia. Tamén porá á súa disposición persoal especializado na prevención e loita contra a violencia de xénero para a coordinación das accións formativas que se poidan desenvolver.

Estes materiais  divulgaranse entre os colexiados de Coafga a través de medios físicos, webs ou redes sociais. Agaxen, pola súa banda, aportará o seu apoio á sensibilización social en rexeitamento da violencia de xénero en todos os seus ámbitos de traballo, e coas entidades coas que colabora, con especial fincapé nas contornas laborais.

A conselleira quixo subliñar no acto de hoxe a necesidade de estreitar lazos con todos os ámbitos da sociedade para avanzar nunha sociedade máis xusta e igualitaria, nunha Galicia do futuro que avance cara á violencia de xénero cero. 

Imaxes relacionadas