Os entrevistados no estudo de reforma do mapa municipal galego cren que é preciso actuar e acometer reformas na planta municipal

Expertos, técnicos e políticos apostan polas fusións voluntarias e por outras formas de cooperación para a mellora dos servizos públicos que os concellos prestan á cidadanía

A diagnose que fan da situación dos concellos por o foco principalmente nos problemas económicos e de xestión e, en menor medida, nos aspectos relativos ás dinámicas poboacionais e territoriais

O resultado das entrevistas foron analizados esta semana nunha reunión que presidiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e á que asistiron tamén representantes da Fundación Juana de Vega e dos equipos das tres universidades galegas que participan no estudo

As conclusións vanse sumar aos resultados das enquisas realizadas con anterioridade a un milleiro de persoas e formará parte do estudo de reforma do mapa municipal galego e de impulso de novos procesos de fusión municipal, proxecto ao que a Xunta destina 72.600 euros

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022

As entrevistas cualitativas realizadas ao longo dos meses de abril e maio no marco do traballo impulsado pola Dirección Xeral de Administración local en colaboración coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas para o estudo da planta local galega e o impulso de novos procesos de fusión municipal reflicten un relato maioritario que aposta polas fusións voluntarias e por outras formas de cooperación municipal para superar os problemas derivados da pequena dimensión dos concellos e mellorar a calidade dos servizos.

Os resultados das enquisas feitas entre unha trintena de expertos foron analizados esta semana nunha reunión que presidiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e á que asistiron tamén representantes da Fundación Juana de Vega e dos equipos das tres universidades galegas que participaron no estudo.

As entrevistas foron realizadas a representantes da área política (alcaldes, alcaldesas, concelleiros e outros representantes políticos) a técnicos (secretarios dos concellos, interventores e outras figuras técnicas ligadas á administración local) e a outros representantes da sociedade civil (empresarios, profesionais, profesores, gandeiros, representantes dos traballadores...). O seu obxectivo era coñecer a opinión sobre a diagnose da situación dos concellos, as alternativas para que estes melloren a prestación de servizos e tamén coñecer as implicacións que podería ter a reforma da planta municipal.

No canto da diagnose, os entrevistados poñen o énfase nas carencias e deficiencias, podéndose clasificar estas en catro grandes grupos. O primeiro grupo de deficiencias é o relacionado coas dinámicas poboacionais ou sociais, como a perda demográfica e o avellentamento; o segundo céntrase nos aspectos da xestión dos concellos poñendo o énfase na deficiente xestión, a falta de autonomía ou a falta de coordinación institucional. O terceiro grupo fai referencia aos problemas económicos, falta de recursos, falta de persoal cualificado, carencia de infraestruturas, ou a elevada dependencia económica doutras administracións. Por último, estarían as cuestións territoriais relativas á dispersión e o tamaño e, en xeral, á ausencia dun modelo territorial. Dentro destas carencias, as que teñen maior peso no argumentario dos entrevistados son as económicas, seguidas das de xestión, situándose en último lugar as territoriais.

No que se refire ás alternativas para a mellora da prestación de servizos, o argumento asumido polos entrevistados e que é preciso actuar e acometer reformas da planta municipal, se ben empregan diferentes lóxicas contrapostas para esta análise. Uns céntranse nos aspectos locais e outros entenden o proceso dentro dun contexto máis global que non pode omitirse, como as dinámicas demográficas e de urbanización, ou os cambios de modelo de traballo e patróns de consumo, o que implicaría o deseño de políticas transversais máis aló dunha simple reforma da planta local.

Outra lóxica contrapón o racional, -fundamentalmente de carácter material e económico-, relacionada coa eficiencia económica como instrumento para a mellora da prestación dos servizos, fronte a unha argumentación de carácter máis emotiva, na que entran valores identitarios. En calquera caso na maioría dos entrevistados predomina a lóxica racional e económica para xustificar a reforma da planta local, tamén presente nos que teñen un argumentario de carácter máis emotivo.

Por último tamén no eido das alternativas hai dous argumentos que chocan, por un lado están os que defenden unha reforma de arriba cara a baixo na que sería a administración autonómica a que debe impulsar a reforma fronte a outros que sinalan que os procesos de reforma deben contar coa cidadanía seguindo un modelo de abaixo cara a riba, sendo este último o argumentario predominante.

En calquera caso os entrevistados asumen que o proceso de reforma da planta local debe ser liderado polas administracións pero con participación cidadá, estando isto último presente de xeito recorrente. Este liderado da administración debe darse non só cando se trate de reformar a planta local, senón tamén noutros aspectos orientados á mellora da xestión dos concellos (dixitalización e modernización, calidade dos servizos, ...) e nas cuestións políticas relacionadas coa reforma do financiamento local ou coa delimitación das competencias municipais entre outras.

Por último, xa no canto da opinión con respecto aos procesos de fusión propiamente ditos, o posicionamento predominante nos entrevistados é o que aposta polas fusións voluntarias, como así aparecía tamén reflectido na enquisa realizada á poboación galega, seguida da procura de outras fórmulas de cooperación ou colaboración administrativa, situándose en último lugar os que apostan polas fusións obrigatorias.

Enquisas á poboación galega

As enquisas á poboación galega fixéronse con carácter previo e as primeiras conclusións amosan que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos, e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos.

O obxectivo xeral da enquisa era o de coñecer a opinión da cidadanía sobre as fusións municipais e outras alternativas de adaptación da planta local e centrouse en catro obxectivos específicos: coñecer cal é a diagnose que fai a cidadanía da situación dos concellos e a que se dedican, detectar o sentimento identitario con respecto ás entidades territoriais, coñecer a valoración que fai con respecto a unha serie de alternativas para a remodelación do mapa municipal e, por último, pulsar a sensación da poboación respecto das implicacións que pensa que tería cambiar o mapa municipal.

As conclusión da enquisa realizada a un milleiro de galegos vanse sumar aos resultados das entrevistas aos expertos e formará parte do estudo de reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal, ao que a Xunta destina 72.600 euros e que se está a desenvolver en colaboración coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas.

Imaxes relacionadas