Lete sitúa a Galicia na vangarda dos deportes náuticos co centro de vela, o complexo de regatas de Verducido e os dous nades de surf e piragüismo

Na presentación da Semana Azul organizada por ARIVEN do 30 de maio ao 5 de xuño e que contará con actividades de vela, pádel surf, remo (banco fixo e móbil) e surf

Vigo, 23 de maio de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da Semana Azul, organizada pola Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas, ARIVEN. O mandatario galego destacou a implicación desta asociación que, no medio do vórtice da pandemia, reuniuse en varias sesións coa Secretaría Xeral para o Deporte para acadar unha solución “ante a situación de estado de alarma que estabamos a vivir”. Neste sentido Xunta e ARIVEN “estudamos o impacto do Covid-19 nas actividades náuticas e comprobamos que o deporte ao aire libre debía ter un tratamento especial polo que incluímos medidas específicas para a náutica no Plan de Reactivación do Deporte Galego”.

A Semana Azul é un motivo de celebración porque, pouco a pouco, imos deixando atrás aquela situación de crise sanitaria e porque “constitúe un evento de inmersión e achegamento á Ría de Vigo a través dunha gran oferta de actividades náuticas e deportivas que poñen en valor as nosas costas e os nosos ríos”. A Semana Azul pon en valor a capacidade e a potencialidade de Galicia nos deportes náuticos, unha terra que conta como satélites do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, co Centro Galego de Vela de Vilagarcía, o Campo de Regatas David Cal en Verducido e, desde este mesmo ano, dous Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado, como son o da Federación Galega de Surf, en Nigrán e o do Kayak Tudense, en Tui.

Vela, pedal surf, remo de banco fixo, remo de banco móbil e surf, así como unha infinidade de actividades turísticas e culturais, ofrecerán un marco incomparable a todos os asistentes entre o 30 de maio e o 5 de xuño. Unha Semana Azul que “achegará o mar e os tesouros da Ría de Vigo a toda a poboación”.

Imaxes relacionadas