A Xunta licita a contratación de equipos multiparamétricos para mellorar o seguimento da saúde dos usuarios das residencias públicas autonómicas

O orzamento para esta licitación supera os 550.000 euros

Este sistema permite axilizar e mellorar a seguridade e trazabilidade na información nunha das labores diarias do persoal, a toma das medidas de saúde dos usuarios

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia saca a licitación a contratación de equipos multiparamétricos, que teñen como obxectivo principal mellorar o seguimento dos usuarios e optimizar o traballo dos profesionais das residencias públicas autonómicas. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio da licitación desta ferramenta que impulsa a dixitalización dos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade e tamén a coordinación sociosanitaria, dous piares do novo modelo.

 

O Goberno galego aposta por integrar a tecnoloxía nos sistemas de información e comunicación dos coidados sociosanitarios. Para iso, implantará nos centros residenciais públicos autonómicos un equipo multiparamétrico que recolle datos de saúde dos residentes e facilita as tarefas dos profesionais. Trátase dunha medida que pon a Galicia á vangarda en canto á dixitalización dos centros residenciais.

 

Este sistema recolle información como o peso, a temperatura corporal ou a tensión arterial. O equipo estará integrado, como mínimo, por unha báscula, un termómetro, un tensiómetro, un coagulómetro, un pulsioxímetro e un glicómetro.

 

Polo tanto, a contratación deste dispositivo axilizará unha das labores cotiás que se realizan nas residencias, como é a toma das medidas de saúde dos usuarios. Deste xeito, os traballadores poderán reducir os tempos dedicados a estas tarefas e, a maiores, a información poderase analizar cunha maior exactitude. O que se procura é mellorar a seguridade e a trazabilidade da información para evitar errores de transcrición, a duplicidade na xestión dos datos e mellorar a súa integración no sistema de información do ámbito sociosanitario e sanitario.