A Xunta inicia os concertos multitudinarios do Xacobeo coa presentación do 'Portamérica' na azucreira de Portas

O delegado territorial, Luis López, a comisaria do Plan Xacobeo, Cecilia Pereira, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron hoxe na posta de longo do festival, que terá lugar do 2 ao 4 de xuño

Trátase do primeiro gran evento dos Concertos do Xacobeo, que traerán a máis de 300 artistas a case cincuenta concellos da comunidade a través de setenta concertos e espectáculos

Portas, 23 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia vai iniciar dentro de quince días os concertos multitudinarios do Xacobeo 22 coa celebración do festival Portamérica na Azucreira do Concello de Portas, que esta mañá acolleu a súa presentación oficial, e noutros enclaves como a carballeira ou A Tafona, xa en Caldas de Reis.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a comisaria do Plan Xacobeo, Cecilia Pereira, e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron hoxe na posta de longo deste gran certame musical, que tamén contou coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o responsable da empresa Esmerarte, Kin Martínez, e outros representantes municipais.

 

O festival Portamérica celebrarase entre o venres 2 e o domingo 4 de xuño coas actuacións de decenas de artistas, entre os que destacan Nathy Peluso, Mikel Erentxun, Lori Meyers, Delaporte, Rojuu, Wos, Rozalén, Baiuca, Coque Malla, Andrés Suárez, Xoel López, Viva Suecia, De Pedro e Amparanoia, entre outros. Así mesmo, desenvolverá unha nova edición da programación gastronómica Showrocking, unha das accións máis identificativas de PortAmérica, coa participación este ano de 40 chefs Estrelas Michelín baixo o comisariado de Pepe Solla.

 

PortAmérica forma parte da marca da Xunta FEST Galicia e vén contando tamén nos últimos anos con apoio a través das subvencións a festivais de música que convoca a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

 

Luis López quixo agradecer a colaboración dos concellos de Portas e Caldas de Reis e destacou o “traballo e esforzo” dos promotores musicais e organizadores de concertos para poñer a Galicia “na vangarda do panorama musical en Europa neste ano tan especial por ser Xacobeo”. Nesta liña, salientou o “fortísimo apoio e colaboración” da Xunta de Galicia con todos estes eventos “para gozar dun ano espectacular de concertos, seguir incrementando os atractivos desta terra co forte tirón da mellor música e manter, deste xeito, a Galicia como destino de moda”.

 

O festival Portamérica vai dar o arranque aos concertos do Xacobeo 22, especialmente aos máis multitudinarios, despois de que hai dúas semanas comezaran en Lalín cos Cocidos do Camiño, un evento máis específico no que tamén se mesturou música e gastronomía. A partires de aí, máis de 300 artistas actuarán en case cincuenta concellos da nosa comunidade a través de 70 concertos ou certames.

 

Na provincia de Pontevedra, a Xunta de Galicia vai financiar e apoiar unha trintena de espectáculos, moitos deles con artistas de sona nacional e internacional, como os concertos de Muse e C.Tangana en Vigo ou os festivais Portamérica, Atlantic Fest de Vilagarcía, Río Verbena Fest de Pontevedra, Gala Xacobeas de Marín, Sanxenxo Xacobeo, O Son dos Arrieiros na Estrada ou Ciclo Xacobeo Vigo, entre outros.

Imaxes relacionadas