A Xunta reforza a súa colaboración co Museo da Construción Naval de Ferrol con 75.000 € para contribuír á súa conservación, promoción e difusión

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitaron as instalacións do centro

A Consellería de Cultura asina un convenio para colaborar co mantemento do museo, o principal centro marítimo español dedicado á historia da construción naval, dando continuidade ao apoio dos últimos anos para o seu arquivo e salas de exposición

Ferrol, 25 de maio de 2022

A Xunta de Galicia reforza este ano a súa colaboración co Museo de Construción Naval de Ferrol cun investimento de 75.000 euros para contribuír á súa conservación, promoción e difusión. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron hoxe a sede da Fundación Exponav, que xestiona este museo, onde puxeron de manifesto o novo compromiso da Xunta co centro museístico.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades indicou que se trata dun apoio estratéxico para seguir poñendo en valor parte da historia de Ferrol e de Galicia. “Divulgar o papel do Museo da Construción Naval é contribuír ao seu mantemento é unha tarefa fundamental para seguir reforzado a rede museística galega, dotándoa de recursos para manter o noso legado”, indicou.

Salientou, ademais, o papel de Museo da Construción Naval como “o principal centro marítimo español dedicado á historia da construción naval e un dos máis completos de Europa na súa temática”. Puxo de manifesto o valor da súa exposición permanente e tamén doutras accións levadas a cabo no museo como o seu extenso legado documental en forma de monografías, planos e outros documentos ao servizo dos investigadores.

Reunión coa Sociedade Artística Ferrolana

A colaboración é posible grazas a un convenio de colaboración que permitirá apoiar nas tarefas de mantemento do museo e súmase a outras achegas levadas a cabo pola Xunta este ano para contribuír ao seu arquivo, ao ser un dos beneficiarios das liñas de axuda específicas para este labor.  Os fondos custodiados permiten fomentar o coñecemento de todo o relativo á construción naval española, en particular desde o século XVIII. Están formados por planos de proxectos de construción naval en papel vexetal, debuxos técnicos de detalle en microfichas e material fotográfico complementario, entre outras.

Estas achegas súmanse aos apoios levados a cabo pola Xunta ao Museo da Construción Naval nos últimos anos, para contribuír á celebración de actividades no museo, axudas para a museoloxía e a adaptación da sala Carlos III para exposicións ou para conservación e tratamento curativo e preventivo de diferentes pezas do museo.

Ademais de visitar a Fundación Exponav, Anxo M. Lorenzo e Martina Aneiros achegáronse tamén a Sociedade Artística Ferrolana, na rúa Méndez Núñez, onde se reuniron coa xunta directiva e varios membros da entidade para estudar posibles novas colaboracións.

Imaxes relacionadas