Sanidade detecta dous novos posibles casos da varíola do mono

Até o de agora, a Dirección Xeral de Saúde Pública enviou ao Instituto de Saúde Carlos III as mostras de tres posibles casos desta enfermidade en Galicia, todos eles sen confirmación definitiva

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022

A Consellería de Sanidade vén enviar as mostras de dous novos posibles casos da enfermidade da varíola do mono ao Instituto de Saúde Carlos III.

 

Até o de agora, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, un total de tres posibles casos de infección, todas elas á espera dun diagnóstico definitivo.

 

Nomeadamente, o pasado venres Sanidade enviou a Madrid as mostras da primeira das persoas que presentou na nosa comunidade un cadro compatible coa definición da varíola do mono. Nas últimas horas, o departamento sanitario da Xunta comunicou dous novos posibles casos e remitiu as mostras ao Instituto de Saúde Carlos III, para que estas sexan avaliadas nos seus laboratorios.

 

Á espera dos resultados definitivos, cómpre salientar que estas tres persoas atópanse estables.

 

Desde que recibiu a alerta internacional sobre a varíola do mono, o pasado martes 17 de maio, Galicia está vixiante para poder identificar e confirmar, os posibles casos desta enfermidade.

 

Neste senso, a Dirección Xeral de Saúde Pública vén de adaptar o protocolo para a detección de posibles casos ao recibido o pasado venres do Ministerio Sanidade. Así, o novo documento establece unha nova definición para buscar/detectar novos casos, concreta a consideración de ‘contacto’, e incorpora as medidas de prevención/precaución que debe adoptar a cidadanía e o conxunto de profesionais dos centros sanitarios.