A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe no municipio esta actuación de mellora ambiental do río Lameira e informou de que as empresas teñen ata o 14 de xuño para presentar as súas ofertas a este contrato, cun prazo de execución de 12 meses

Ethel Vázquez avanza que a finais de ano comezarán as obras de saneamento do río Lameira de Marín, cun investimento de 3,3 M€ para mellorar a calidade das augas da ría de Pontevedra

Mellorarase a rede de saneamento na contorna do río, reducindo a entrada de augas brancas e regulando a derivación de caudal á depuradora en tempo de chuvia

Renovarase o colector interceptor nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na en Coirados ata o casco urbano, con 5 cambios de marxe, retirando o colector actual do río, e habilitarase un acceso para o seu mantemento no que se prevén 3 pasarelas

Marín (Pontevedra), 23 de maio de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a finais de ano se iniciarán as obras da rede do río Lameira, ás que se destinará un investimento de 3,3 M€ co fin de avanzar na mellora do saneamento de Marín e na calidade das augas da ría de Pontevedra.

Vázquez Mourelle, acompañada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentou hoxe na Casa do Concello as actuacións proxectadas, que suporán unha importante mellora ambiental do río Lameira.

 

As obras foron licitadas o pasado 13 de maio, de forma que as empresas dispoñen de prazo ata o 14 de xuño para presentar a súas ofertas a este contrato, que ten un prazo de execución de 12 meses. As actuacións serán financiadas cos fondos europeos no marco do Eixo REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

A conselleira subliñou que as obras teñen un dobre obxectivo: por un lado, reducir a incorporación de caudais de augas brancas á rede de saneamento na zona baixa do caso urbano, así como os frecuentes alivios ao medio; e, por outro, regular o sistema de saneamento da conca do río en tempo de chuvia, modulando os caudais que son derivados cara á depuradora.

 

Para conseguir eses fins, en primeiro lugar, está previsto sacar do río o colector actual, e procederase á renovación do colector interceptor nun treito de 1.620 metros con 5 cambios de marxe, desde a súa orixe, na estrada PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura. Ademais reporanse 10 acometidas que tamén deberán cruzar baixo a canle para conectarse ao novo colector. Está previsto, tamén, habilitar un acceso para o seu mantemento, con 3 pasarelas de madeira para salvar os cruces do río.

 

Sinalou que tendo en conta o sistema unitario do saneamento, para a xestión das augas pluviais executarase un depósito de retención en formigón armado, que permitirá regular os caudais enviados augas abaixo, con capacidade para laminar un volume de 1.250 m³. Será telexestionado a través de sinais de comunicación móbil.

 

Ademais, segundo detallou Ethel Vázquez, actuarase na estación de bombeo, que actualmente presenta deficiencias, tanto hidráulicas, que orixinan frecuentes alivios ao medio; como de explotación, pola ausencia de equipos que aseguren unha xestión eficiente.

 

Os traballos da Xunta abranguen a mellora ambiental do río Lameira e outras intervencións puntuais na rede, como a impermeabilización de pozos ou a separación de pluviais, ademais de corrixir as incidencias detectadas, como, por exemplo, a desconexión de augas pluviais do sistema de saneamento municipal.

 

Ethel Vázquez explicou que esta actuación é froito da colaboración frutífera entre a Xunta e o Concello de Marín, que fixo posible rematar xa no ano 2020 as obras do novo colector e da estación de bombeo, cun investimento de 3,1 M€, unha intervención fundamental para o bo funcionamento do sistema de saneamento de Marín e para evitar vertidos contaminantes á ría.

 

Na actuación presentada hoxe, coa que o Goberno galego apoia ao municipio de Marín nas súas competencias, a administración local asume o custo das expropiacións, con arredor de 79.000 €.

 

Ethel Vázquez puxo en valor o esforzo da Xunta pola mellora da calidade das augas da ría de Pontevedra, que deu xa un importante salto cualitativo grazas á mellora acometida na depuradora dos Praceres e que continuará a mellorar co novo emisario submarino, executado xa ao 45%, sumando un investimento de 28,5 M€.

Estas actuacións, ao igual que as realizadas e previstas en Marín, forman parte do Plan de saneamento local, co que a Xunta está a mobilizar investimentos por valor de 50 M€ para apoiar aos concellos da ría de Pontevedra nas súas competencias.

 

Este traballo vai na liña do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, que, como apuntou Ethel Vázquez, fixa o obxectivo de acadar que o 100% das masas de auga da demarcación acaden o bo estado en 2027.

Imaxes relacionadas