A Xunta inscribe seis mouteiras das provincias da Coruña e Lugo no Rexistro galego de materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que dá publicidade á autorización de seis mouteiras situadas en Coristanco, Culleredo, As Pontes, A Fonsagrada, Lugo e Guitiriz para a produción de material forestal de calidade de interese para a industria

Enmárcase no obxectivo do Plan Forestal 2021-2040 de traballar para que o monte galego contribúa á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais e no seu Programa de fomento e valorización das masas de coníferas

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade á autorización de seis mouteiras selectas de Pinus radiata para a produción de material forestal de reprodución, así como á súa inscrición no Rexistro galego pertinente, co obxecto de poñer a dispoñibilidade do mercado materia prima de alta calidade.

En concreto, as mouteiras selectas obxecto de inscrición no Rexistro galego de materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución son -na provincia da Coruña- a Chousa grande, en Coristanco, dominio público territorial deste Concello; Xalo, en Culleredo, titularidade da comunidade de montes veciñais en man común de Celas; e Coto Mouro, nas Pontes, de propiedade particular.

Mentres, na provincia de Lugo, inscríbense Allonca II, na Fonsagrada, dominio público territorial da Comunidade Autónoma de Galicia; a Finca Carballido, en Lugo, de propiedade particular; e Sambreixo-Parga, en Guitiriz, da comunidade de montes veciñais Santa Leocadia.

Esta inscrición enmárcase no programa no que está traballando a Consellería do Medio Rural para asegurar o abastecemento ao sector forestal de sementes das especies forestais de maior interese para a silvicultura. Ao tempo, é preciso que estas sementes teñan a calidade xenética que permita reforzar a resiliencia dos bosques ante factores como as enfermidades e pragas ou o cambio climático, buscando á vez que aumenten as características técnicas que permitan un uso na industria, repercutindo nun maior valor do produto que beneficie o silvicultor.

Así, en 2021 iniciáronse os traballos de identificación de mouteiras que presentasen unhas moi boas características respecto aos valores que demanda a industria -como son a rectitude do fuste, que teñan poucas ramas, ou que non presenten bifurcacións no tronco- coa colaboración de entidades como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Posteriormente, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xunto con persoal da empresa pública Seaga e do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, levaron a cabo a selección en campo, caracterización das masas e os traballos conducentes á declaración dos materiais de base e á publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Cabe engadir que a Consellería do Medio Rural continúa a traballar na caracterización de novos materiais de base da categoría seleccionada, tanto de Pinus radiata como de Pinus pinaster, e doutras especies como o bidueiro ou o carballo, incluídas no Decreto polo que se creou -en 2007- o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.

Plan Forestal

A presente inscrición enmárcase no eixe I da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” que aposta pola contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais como liñas de acción a conservación da biodiversidade e da multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais, a mitigación e adaptación ao cambio climático, o desenvolvemento de enerxías renovables e a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais.

Ao tempo, o Eixo IV, sobre os recursos forestais e a cadea monte-industria, establece un Programa de fomento e valorización das masas de coníferas que ten por obxecto incentivar actuacións de repoboación forestal deste tipo de masas, así como de tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa e a obtención de madeira de calidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural