A Xunta recibe 11 ofertas para executar as sendas na Medorra e Paiseo, no Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, cun investimento de 1 M€

Intervirase na marxe esquerda da estrada OU-101, nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, ofrecendo unha importante mellora da seguridade viaria e da mobilidade aos veciños destes tres municipios, ao tempo que revalorizan a zona

O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é iniciar os traballos no outono e que os novos itinerarios poidan estar ao servizo dos veciños na primavera

A senda da Medorra terá unha lonxitude de 2,1 km e pasa polos tres concellos: comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e percorre o Parque Tecnolóxico de Galicia ata o cruce coa OU-537, onde se solapa coa que está en execución nos parques empresariais

O itinerario de Paderne de Allariz terá unha lonxitude de 640 metros, iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas actuais, e continúa ata O Paiseo

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que a Xunta está a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€

Estes itinerarios súmanse á senda de máis de 5 km que unirá a cidade de Ourense de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña, que será executada cos fondos Next Generation, cun investimento de 4,5 M€
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022

A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para a execución das novas sendas na Medorra e Paiseo, no Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, que suporán un investimento de 1 millón de euros.

O obxectivo desta contratación é a construción destes dous itinerarios peonís na marxe esquerda da estrada OU-101, que suman en total 2,8 km. No caso do itinerario na Medorra , este discorrerá polos tres concellos, e a senda do Paiseo, polo termo municipal de Paderne de Allariz.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no outono, co fin de que os novos itinerarios poidan estar xa ao servizo dos veciños na primavera de 2023.

Estas actuacións centraranse nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, ofrecendo unha importante mellora da seguridade viaria aos veciños destes tres municipios e facilitando os seus desprazamentos a pé, ao tempo que se revalorizan as zonas polas que pasan.

No caso da Medorra a senda, que beneficia aos tres concellos, terá unha lonxitude de 2,1 km, transcorrendo, na súa meirande parte polo municipio do Pereiro de Aguiar. O itinerario comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e transcorre pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia ata chegar ao termo de Paderne. Neste treito de actuación prodúcese o cruzamento coa outra vía da Xunta, a estrada OU-537, onde esta senda solaparía coa que está en execuciónna contorna dos parques empresariais.

O segundo itinerario, o de Paderne de Allariz, iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas actuais, e continuará ata as proximidades do Paiseo, cunha lonxitude de 640 metros.

Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, en ambos os casos, as sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, con pavimento de formigón cor terriza. En determinados treitos contarán con gabia revestida e estarán separadas da estrada por diferentes elementos, segundo o tipo de sección elixida en cada treito: gabia revestida e con perfil de seguridade; franxa de vexetación máis bordo; bordo prefabricado, ou a combinación destes tres elementos. 

Como actuacións complementarias, executaranse muros de sostemento do terreo no treito da Medorra; tamén traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de alumeado público, xunto coa adecuación de 3 paradas de autobús ás que se dotará de 3 novas marquesiñas.

Estas actuacións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

Cómpre destacar nestas intervencións, o traballo do departamento de Infraestruturas cara a minimizar sempre as afeccións, tanto aos veciños como ao territorio, o que nesta obra permitiu reducir á metade a afección, tras as consideracións recibidas na información pública.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que a Xunta está a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€, e nos que se está a avanzar a ritmo intenso.

A estes itinerarios sumarase a senda de máis de 5 km que unirá a cidade de Ourense de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña e que será executada cos fondos Next Generation, cun investimento de 4,5 M€.