A Xunta adxudica por máis de 750.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga

Actuarase en 2 km para eliminar un treito de concentración de accidentes, renovaranse 5 interseccións no tramo que vai do lugar do Vinquiño ao inicio da parroquia de San Tomé de Gondar, e construirase unha glorieta no cruce co Camiño ao Santo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras a finais do verán, cun prazo de execución de 12 meses

Habilitaranse cuñas de cambio de velocidade nas interseccións con outros viarios e incluiranse melloras nos pasos de peóns e nas paradas de autobús

Esta intervención complementarase coa renovación das beirarrúas nese mesmo ámbito para mellorar a seguridade peonil, unha obra xa licitada por case 223.000 €

Estas novas actuacións do departamento que dirixe Ethel Vázquez acometerase de xeito simultáneo, superando en total 1 M€ de investimento nesta vía autonómica
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 750.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga. Trátase de actuar ao longo de 2 quilómetros desta vía autonómica para eliminar un treito de concentración de accidentes ao seu paso polo municipio de Sanxenxo.

 

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones y obras Taboada Ramos S.L.U., comezarán a finais do verán e terán un prazo de execución de doce meses.  

 

A intervención contratada prevé a renovación de cinco interseccións na PO-504, entre os puntos quilométricos 0+940, no lugar do Vinquiño, e o 3, ao inicio da parroquia de San Tomé de Gondar.

 

Entre as principais intervencións que se van executar inclúese a construción dunha glorieta na intersección co Camiño ao Santo, que ademais de ordenar os propios movementos das vías coas que entronca, permitirá o cambio de sentido dos vehículos.

 

Como resultado das achegas recibidas durante o proceso de información pública, acordouse eliminar a actuación proposta inicialmente dunha nova glorieta no punto quilométrico 2+270.

 

A actuación prevé, tamén, a execución de novas beirarrúas nos treitos de mellora das interseccións, a adecuación da drenaxe existente ao novo deseño e a reposición dos servizos e sumidoiros afectados. Tamén se mellorarán as paradas de autobús e redeseñarase a sinalización horizontal e vertical de todo o treito.

 

En paralelo a esta obra, a Xunta está a avaliar as 7 ofertas presentadas para executar as obras de acondicionamento das beirarrúas neste ámbito da estrada PO-504, de modo que a esta mellora da seguridade viaria se lle suma tamén a mellora da accesibilidade peonil, cun investimento adicional de preto de 223.000 euros. A actuación prevé distintas intervencións encamiñadas a mellorar a mobilidade a pé e a seguridade viaria ao longo da estrada PO-504, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450.

 

Estas dúas intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez acometerase de xeito simultáneo, superando en total 1 M€ de investimento nesta vía autonómica.