O Sergas leva dispensados 318 tratamentos dos antivirais contra a covid-19

Desde o pasado 28 de marzo, os medicamentos ‘Paxlovid’ e ‘Evusheld’ engadíronse á listaxe de recursos dispoñibles para loitar contra o coronavirus

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022

O Servizo Galego de Saúde leva dispensados un total de 318 tratamentos dos antivirais contra a covid-19, ‘Paxlovid’ e ‘Evusheld’, aos usuarios dos centros sanitarios galegos.

Por áreas sanitarias, desde que no pasado 28 de marzo Galicia recibise a primeira remesa destes medicamentos, a área sanitaria da Coruña e Cee dispensou 60 tratamentos; a área sanitaria de Vigo 58; a área de Santiago e A Barbanza 29; a área de Ferrol 24; a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos 80; a área de Pontevedra e o Salnés 14; e a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras un total de 53 tratamentos.

Ambos fármacos engadíronse a comezos de abril ás vacinas e a outros medicamentos para evitar que pacientes positivos cuns determinados condicionantes poidan evolucionar cara un estado grave da enfermidade e ademais previr as hospitalizacións en pacientes con sintomatoloxía leve.

Paxlovid e Evusheld

‘Paxlovid’ é un medicamento que se subministra baixo prescrición médica e que se administra vía oral. Así, posibilita un tratamento ambulatorio para aqueles pacientes leves que contan con factores de risco para evolucionar cara unha covid-19 grave, ao tempo que permite controlar a progresión da infección.

Pola súa banda, ‘Evusheld’ é un fármaco que se administra vía intramuscular con dúas inxeccións e está dirixido a persoas adultas inmunodeprimidas. Este fármaco, está indicado como profilaxe pre-exposición, e contribúe a previr a infección e o risco de desenvolver complicacións por mor do coronavirus.

Imaxes relacionadas