A Cidade da Cultura volve celebrar na súa contorna a festiva e colorida carreira ‘Holi Gaiás’ o 4 de xuño

Xa están á venda os mil dorsais para participar nesta cita deportiva de carácter lúdico en Ataquilla.com e no Museo Centro Gaiás

A proba, que gozou dun grande éxito nas tres edicións anteriores, terá lugar o sábado 4 de xuño ás 11,00 horas cun percorrido de 5 kilómetros

A iniciativa da Xunta está patrocinada por Viaqua e conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022.-

A Cidade da Cultura volve acoller, tras dous anos de parón, unha das súas actividades ao aire libre máis vistosas e saudables, a Holi Gaiás. A carreira celebrarase o sábado 4 de xuño, ás 11.00 horas, nos exteriores do complexo, cun percorrido de 5 kilómetros para a cativada e as persoas adultas.

Os dorsais, 1.000 en total, están a disposición do público a un prezo xeral de 5€. Poden mercarse en Ataquilla.com ou presencialmente na recepción do Museo Centro Gaiás. Esta é a cuarta edición desta proba (a última tivo lugar no 2019) que ten un carácter lúdico, familiar e festivo. Trátase de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben ao son da música que os acompaña no traxecto e a xa imprescindible poeira de cores.

Organizada pola Xunta de Galicia e patrocinada por Viaqua, ademais da colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis, a Holi Gaiás volve co seu espírito festeiro e nada competitivo, no que o importante non é gañar, senón celebrar as últimas semanas dunha estación como a primavera cunha explosión de música e de cores, inspirada no festival Holi da India. Aínda así, para os que gustan das marcas, haberá varios premios para os mellor clasificados nas categorías infantil e adulta.

Nas tres edicións anteriores o cupo de prazas posto a disposición da cidadanía foi cuberto con gran rapidez, con 600 corredores en 2017, un milleiro no 2018 e medio milleiro de participantes no 2019. A idade mínima para formar parte da proba é a das persoas nadas antes do 31 de decembro de 2012.

Información práctica

O prazo de inscrición remata o 1 de xuño e a recollida de dorsais realizarase na propia Cidade da Cultura durante o venres 3 de xuño e o mesmo día da carreira ata as 10,30 horas.  Toda a información sobre as bases da carreira, o seu regulamento e a inscrición atópanse na páxina www.cidadedacultura.gal .

Imaxes relacionadas