A Xunta e o Concello de Montederramo investirán case 40.000 € na instalación de 34 bancos públicos en preto dunha trintena de aldeas do municipio

A actuación enmárcase no plan Hurbe específico para a Ribeira Sacra da Consellería

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia e o Concello de Montederramo colaborarán na execución dunha actuación urbanística para mellorar os equipamentos públicos dunha trintena de núcleos rurais do municipio, cun investimento total previsto de case 40.000 euros.

 

Este foi o compromiso asumido esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Antonio Rodríguez, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica para levar a cabo esta obra.

 

A intervención consistirá no subministro e instalación dun total de 34 bancos de madeira tratada contra a couza, termitas e insectos en 28 aldeas do concello: Gabín, Os Abeledos, Cacharrequille, Vigueira de Arriba, Mazaira, Valdarias, Touzal, A Mogaínza, Paredes, As Corraínzas, O Regueiro, O Outeiro, Os Pereiros, Valderrique, Santiago da Medorra, A Graña, San Fitoiro, Vigueira de Abaixo, Ferrón, A Retorta, Moás, Vila Pequena, Veducedo, Cascarballo, A Xestosa, A Mioteira, A Reguenga e Vilariño Pequeno.

 

Tal e como sinalou o alcalde, con esta actuación búscase elevar o actual nivel de servizos á disposición da veciñanza de Montederramo co fin de promover o seu benestar e incrementar o atractivo e a humanización dos referidos núcleos e da praza do concello.

 

Na mesma liña, Ángeles Vázquez enmarcou a participación da Xunta no proxecto no seu compromiso á hora de brindar apoio económico ás entidades locais para promover actuacións que, como esta, contribúen a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos cidadáns reforzando os equipamentos públicos.

 

Cun investimento comprometido no convenio de 38.015,94 euros —que achegará nun 70% o departamento autonómico e nun 30% o Goberno municipal—, cómpre lembrar, ademais, que esta intervención se enmarca no chamado plan Hurbe específico para a Ribeira Sacra. Trátase dunha das 10 medidas incluídas dentro do Plan de acción estratéxico para esta zona que aprobou en 2019 a Consellería co fin de impulsar actuacións por 4,5 millóns de euros para mellorar a súa planificación e protección a nivel paisaxístico, urbanístico e ambiental.

 

En concreto, o departamento autonómico e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra seleccionaron unha serie de proxectos a desenvolver en concellos da zona co fin de mellorar equipamentos, humanizar rúas ou urbanizar espazos públicos. O orzamento comprometido por parte da Xunta a tal fin ascende a 1,3 millóns de euros e os primeiros convenios asinados en 2021 xa están en execución.

Imaxes relacionadas