A Xunta edita un libro destinado á divulgación didáctica da mellora e da reprodución apícola co obxectivo de avanzar na consolidación do sector

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria editou a obra "Reprodución apícola. Tratado do criador", escrita por Marcos Varela Lorenzo, enxeñeiro técnico agrícola de formación e apicultor e criador de raíñas desde 1982

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de editar o libro “Reprodución apícola. Tratado do criador”. Escrito por Marcos Varela Lorenzo -enxeñeiro técnico agrícola de formación e apicultor e criador de raíñas desde 1982-, busca ser un ensaio técnico destinado á divulgación didáctica da mellora e da reprodución apícola co obxectivo de avanzar na consolidación do sector na nosa comunidade.

Coa nova obra, o que se busca é ofrecer ao apicultor ferramentas útiles para criar, seleccionar, propagar e potenciar a xenética máis sobresaínte das súas abellas. Deste xeito, a Axencia prevé empregar o libro como unha guía técnica, funcional, clara e concisa nos seus cursos de formación relacionados co sector, máis alá de que sirva tamén de referencia para as persoas que queiran iniciarse ou consolidarse na cría de abellas.

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten entre as súas funcións -a través da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria- publicar e divulgar os resultados experimentais e a adopción de diversas innovacións tecnolóxicas en colaboración con outros departamentos ou servizos da Consellería do Medio Rural. Nese cometido se enmarca esta publicación, que trata cuestións como os tipos de abellas, a súa selección e apareamentos, a enxamia, a mellora xenética, a bioloxía para a reprodución, a reprodución controlada, os métodos de cría ou a introdución de raíñas.  

Imaxes relacionadas